Difusión - Manuel Soto Freire. Mércores, 18 de outubro de 2023

Manuel Soto Freire

Álbum de Galicia

Manuel Soto Freire

A imprenta rexurdimentista en Lugo

Mércores, 18 de outubro de 2023
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Manuel Soto Freire

A imprenta rexurdimentista en Lugo

consellodacultura.gal

Manuel Soto Freire

Álbum de Galicia

Manuel Soto Freire (Lugo, 1826 – Goián, Ferreira de Pantón, Lugo, 1897) foi un impresor de gran sona da cidade lucense. No seu negocio tipográfico publicáronse algunhas obras de Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Juan Antonio Saco Arce, así como o calendario agrícola Gaiteiro de Lugo e os populares Almanaques. Con Soto Freire, Lugo inaugurou “o seu máis estreito vencello co Rexurdimento das letras galegas”, afirma Xurxo Martínez González. El é o autor da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
Nado en Lugo, Manuel Soto Freire traballou como caixista na imprenta dos Pujol, empresa que se consolidou “como referencia absoluta no Lugo de papel e tinta” entre os anos 1815 e 1851, segundo afirma Xurxo Martínez na entrada que asina para o Álbum de Galicia. Esa aprendizaxe que Soto Freire adquiriu sobre o negocio tipográfico “deu paso á iniciativa empresarial”, continúa. De feito, como constata o Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, en marzo de 1849 xa xestionaba unha “tenda-encadernación” na Praza Maior da cidade lucense. En 1850 puxo en marcha unha librería e, un ano despois, tras serlle adxudicada a impresión do Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, Soto Freire abriu a súa propia imprenta. “No fin de contas era un seguro económico para un negocio daquela fráxil se non se situaba ao abeiro do poder eclesiástico ou administrativo”, subliña Xurxo Martínez.

Do prelo da imprenta de Soto Freire saíron, sobre todo, obras relixiosas, entre as que destaca o Boletín para el clero del Obispado de Lugo (1859-1873) “por ser unha das primeiras (senón a primeira) revistas de temática relixiosa impresas en Galicia”, apunta Xurxo Martínez. Puntualmente, imprimiu proxectos de tipo literario e diversas cabeceiras xornalísticas, como La Paz (1869-1873), da que foi tamén propietario. Así mesmo, creou La Aurora del Miño (1857), un xornal de “tendencia levemente provincialista e claro acento relixioso”, indica o autor da entrada. Tras ter que pechar o xornal no mesmo ano da súa creación, Soto Freire vinculouse a El Correo de Lugo (1860) e, posteriormente, colaborou coas cabeceiras Diario de Avisos (1861-1865) e El Gallego (1867). En 1883 púxose á fronte de El Lucense: Diario católico de la tarde ata o ano 1894, cando Gerardo Castro adquiriu a propiedade do xornal.

“Pero sen dúbida, para a cultura galega o seu principal legado afecta a tres nomes: Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Juan Antonio Saco Arce”, subliña Xurxo Martínez. Na súa entrada explica como Murguía atopou en Soto Freire “o aliado preciso” para a impresión dos dous primeiros tomos de Historia de Galicia (1865 e 1866) ante as dificultades económicas polas que estaba a pasar a imprenta de Juan Compañel en Vigo. Así mesmo, da tipografía de Soto Freire saíron as obras Gramática gallega (1868), de Saco Arce, e Reseña de la historia natural de Galicia (1866), de Víctor López Seoane, así como os ensaios de José Villaamil y Castro, o primeiro poemario de Emilia Calé, Horas de inspiración (1867), e o libro El caballero de las botas azules (1867), de Rosalía de Castro. Cómpre destacar tamén a publicación dende 1857 do calendario agrícola Gaiteiro de Lugo ―renomeado posteriormente como Calendario de Galicia e máis tarde como Calendario Gallego― e, dende 1864 e ata 1869, dos populares Almanaques. Esta publicación, na que participaron escritores de todas as provincias galegas e entre os que se atopan nomes como Rosalía de Castro, Murguía, Cuveiro ou Luis e José Rodríguez Seoane, reproducía “parte das inquedanzas do Rexurdimento: tipismo galego, efemérides históricas, galería de galegos ilustres, costumes…”, explica Xurxo Martínez.

En 1868, Soto Freire escribiu La imprenta en Galicia, “un dos ensaios máis completos e interesantes sobre a nosa biografía impresora”, en palabras do autor da súa entrada no Álbum de Galicia. A obra permaneceu inédita ata 1982, ano en que saíu á luz grazas ao labor de Xosé Ramón Barreiro Fernández e do Círculo das Artes de Lugo.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 690 entradas, das cales as máis recentes son as de Marcial Valladares, Manuel María, Andrés Martínez Salazar e Pilar Pereira.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.
 
Difusión
Álbum de Galicia
Manuel Soto Freire
A imprenta rexurdimentista en Lugo
Data de publicación
Mércores, 18 de outubro de 2023
Onde
consellodacultura.gal

Imaxe da portada: Wikipedia