O sector audiovisual en Galicia 2023

Difusión. Documento de traballo

O sector audiovisual en Galicia 2023

Mércores, 15 de novembro de 2023
consellodacultura.gal
Difusión
Documento de traballo

O sector audiovisual en Galicia 2023

consellodacultura.gal

Aos premios recentes acadados polo sector audiovisual galego acompañan tamén as cifras. Na última década medrou o emprego, os ingresos de explotación, a asistencia ás salas de cine e o consumo televisivo, segundo o documento de traballo O sector audiovisual en Galicia 2023, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento conclúe que “os datos amosan que o audiovisual se atopa nun ciclo expansivo, con indicadores que apuntan a que se superou a crise sanitaria de 2020 e 2021 en moitos dos ámbitos que o compoñen”. O documento de traballo xa está dispoñible desde o web da institución.
A expansión do sector audiovisual sitúase nun contexto positivo xeral no conxunto de España, onde o incremento de emprego foi maior. En Galicia traballan directamente no sector audiovisual 2610 persoas, un 4,2 % do total da forza laboral xerada por estas actividades en España. Con todo, o emprego concéntrase na produción de cine e vídeo (41,2 %) e na televisión (37,1 %). O audiovisual, lembra o informe, é un sector que tende a concentrarse xeograficamente. En España faino nas provincias de Madrid e Barcelona, mentres que en Galicia a actividade se concentra na provincia da Coruña (64,6 % das empresas).

Un contexto cambiante
O informe destaca que o sector audiovisual está nun contexto de profundos cambios tanto no tipo de consumo que se fai como no soporte empregado. Se na década de 2010 o VHS e o DVD estaban presentes nun 80 % dos fogares, o móbil centra agora a reprodución de vídeo (emprégao un 84,6 % da poboación). O consumo televisivo segue a ser alto (88,9 %), pero baixou un 8 % con respecto a 2010. Neste sentido, hai un descenso do consumo da televisión xeneralista, que rexistra cifras máis baixas que na última década. En Galicia, Antena 3 e a TVG teñen as cotas de audiencia máis altas (dun 11,5 % no caso da galega), mentres que no conxunto de España só Antena 3 e Telecinco obtiveron máis dun 10 % de audiencia en 2022. Ademais, agora na televisión tamén se ve vídeo á carta a través das plataformas de intercambio (Netflix, Amazon Prime Video e Disney+ son as que concentran o público). En 2023, un 82 % dos fogares dispón dalgunha plataforma dixital.

Como xa se detectou noutro tipo de documentos e informes de traballo, este estudo específico sobre o sector amosa outro cambio de comportamento: a perda de espectadores nos cines galegos. En 2022 houbo nos cines galegos 2,5 millóns de espectadores, un 40 % máis que en 2021 e máis do dobre que no ano 2020, pero lonxe dos 4,2 millóns de 2019, unha evolución semellante á da recadación. Alén da crise sanitaria, o informe revela que se detecta “algo menos de interese polo cine que no conxunto de España e, malia que unha razón pola que non se vai máis ás salas é o prezo da entrada, a realidade é que este apenas mudou en dez anos”.

A produción de cinema
O estudo subliña o significativo incremento no ámbito da produción: hai máis empresas (un 47 % máis) e tamén máis películas (en 2022 houbo o dobre de filmes que en 2013). O xénero máis popular é o documental (28 %), seguido polo drama (26 %), a comedia, as películas de animación e o thriller (6,7 % cada un). A maioría dos filmes (89 %) foron realizados por unha única produtora, aínda que se observa unha tendencia ascendente no número de coproducións, tanto con empresas españolas como con estranxeiras. Os países cos que hai máis proxectos compartidos son Francia (30 % das coproducións internacionais) e Portugal (18,6 %). Pese a que un 68 % das empresas realizou só unha película durante este período de dez anos, vinte produtoras realizaron máis de tres películas e dúas superaron os dez proxectos rematados.

O informe tamén analiza as axudas de concorrencia competitiva da Axencia Galega das Industrias Cultuais (AGADIC), nas que o maior peso, o 40% recae na produción.

Mellorou tamén neste período a difusión do cinema producido no país. Aínda que hai películas pendentes de estrea, en 2022 exhibíronse no circuíto comercial oito de cada dez películas producidas. As películas que se estrearon en salas comerciais tiveron máis de 7,1 millóns de espectadores e unha recadación superior aos 43 millóns de euros.

Con respecto ao idioma, mellorou tamén a situación do galego neste sector. Na televisión convencional, a TVG segue a ser o principal axente normalizador cunha programación monolingüe. Porén, nas plataformas de streaming o galego aínda representa só un 0,5 % da oferta. Medrou tamén o número de películas en lingua galega na última década, que pasou de 9 en 2013 a 23 en 2020. O cine producido en Galicia empregou o galego nun 42,3 % das producións. Nas conclusións do informe tamén se explica que “malia que a maioría de producións en lingua galega na última década tiveron un éxito comercial en salas discreto, tamén apareceron títulos populares, como As bestas, O que arde ou A praia dos afogados, entre outros”. O impacto das longametraxes en lingua galega estreadas en cinemas comerciais nos últimos dez anos foi de 1,5 millóns de espectadores e máis de 8,8 millóns de euros de recadación.
LUGAR
consellodacultura.gal
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
 
Difusión.
Documento de traballo
O sector audiovisual en Galicia 2023
Data de publicación
Mércores, 15 de novembro de 2023
Onde
consellodacultura.gal
Enderezo

consellodacultura.gal

Organiza
Observatorio da Cultura Galega (CCG)