O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimestral e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro. Cada dous meses, presentaremos unha nova conferencia do noso fondo que permitirá coñecer o acervo musical do país da man dos seus máis grandes expertos.
Manuel Balboa, con só 21 anos, ofrece esta brillante conferencia sobre o teatro lírico galego, ao fío do centenario, en 1929, da estrea da obra O Mariscal, con música de Eduardo Rodríguez-Losada.
Manuel Balboa (1958-2004) destaca como compositor de música culta e bandas sonoras. A súa faceta como investigador céntrase nos estudos sobre o teatro lírico en España. Nesta conferencia, titulada «Teatro lírico gallego», amosa un exhaustivo coñecemento da historia musical de Galicia. A charla, pronunciada no Ateneo Republicano de Galicia, na cidade da Coruña, en 1979, serve de pequena homenaxe á estrea, o 31 de maio de 1929 no Teatro Tamberlick de Vigo, da ópera O Mariscal, con música de Eduardo Rodríguez-Losada e libreto de Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas.
A conferencia está estruturada en seis partes: a) Nacionalismo musical galego e español, b) Marcial del Adalid e Inés e Bianca, c) Pascual Veiga e José Baldomir, d) O Mariscal, e) a zarzuela: Reveriano Soutullo e f) composicións españolas con influencia de temáticas galegas e obras galegas en España. Sorprende a erudición e a sensibilidade artística do relato que ofrece Balboa: só ten 21 anos. A gravación está salpicada de fragmentos musicais que exemplifican as súas investigacións e que aquí están omitidos para evitar unha excesiva duración desta nova entrega de Caligrafías musicais.
Datos do fondo:
Sinaturas: ACAD_00021 e ACAD_00022
Duración: 01:02:35 h.
Col. Ateneo Republicano de Galicia (A Coruña). Arquivo Sonoro de Galicia. Consello da Cultura Galega