Difusión - Os dereitos humanos. Martes, 12 de decembro de 2023

Os dereitos humanos

Proxector Difusión

Os dereitos humanos

Martes, 12 de decembro de 2023
Consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Os dereitos humanos

Consellodacultura.gal

Os dereitos humanos

Proxector

O ser humano ten recoñecido o dereito esencial á vida, así como outros dereitos fundamentais que protexen a súa liberdade e igualdade. A pesar de que estes lles corresponden aos individuos polo mero feito de existir, hai diversos factores que os están poñendo en perigo. Baixo o título “Os dereitos humanos”, o novo especial de Proxector escolma doce recursos audiovisuais que expoñen algunhas das causas que ameazan o dereito á saúde ou á educación da poboación, entre outros. Proxector é unha iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A Organización das Nacións Unidas (ONU) proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos o 10 de decembro de 1948. “Foi o primeiro documento legal en asegurar a protección dos dereitos e liberdades fundamentais que temos todas as persoas polo feito de existir”, subliña o especial. Malia seren inherentes ao ser humano, con independencia da súa condición económica, social, ideolóxica ou racial, “é doado comprobar como millóns de persoas non ven protexidos estes seus dereitos e seguen agardando que estes deixen de ser promesas”, explica a nova entrega. Nela, escólmanse unha ducia de recursos audiovisuais que poñen o foco naqueles dereitos humanos que están gravemente ameazados.

O dereito á educación é o tema central de varias das pezas seleccionadas. Así, en “Como conseguín que os talibáns non pechasen a miña escola”, Sakena Yacoobi explica que decidiu crear escolas clandestinas durante o réxime talibán para proporcionarlles unha educación digna aos nenos e nenas do seu país. Mentres en “Como a escola pública americana mantén os nenos na pobreza” Kandice Sumner reflexiona sobre as desigualdades pedagóxicas que existen nos Estados Unidos, onde os factores sociais e económicos do alumnado inflúen no seu futuro educativo. A nova entrega inclúe tamén un recurso en que se afonda sobre que é a educación para a cidadanía global, os seus aspectos chave e as súas principais dimensións.

Xunto coa educación, o especial pon o foco no concepto de igualdade e xustiza a través de “Cancelo Agra”, vídeo que repasa o pensamento filosófico da galega María Xosé Agra. A peza forma parte da serie web de ficción Sophias, producida polo Consello da Cultura Galega co fin de divulgar a figura de mulleres filósofas destacadas ao longo da historia. Ademais, en “Como se pode cuantificar o grao de segregación dun grupo social?”, Coral del Río explica que a segregación constitúe un factor esencial para identificar as consecuencias da desigualdade e a exclusión social. As diferenzas globais en termos alimentarios é o eixe temático arredor do que reflexiona Ellen Gustafson, cocreadora das bolsas filantrópicas FEED, para quen a fame e a obesidade constitúen dúas caras da mesma moeda, tal e como afirma no vídeo TED “Obesidade + Fame = 1 problema alimentario global”.

A nova entrega de Proxector tamén afonda nos factores que, como as guerras ou o racismo, están a dificultar a protección dalgúns dereitos fundamentais. Sobre o primeiro destes factores fala Margaret Bourdeaux en “Por que os civís sofren máis cando xa rematou a guerra”. Arredor do segundo profunda Dorothy Roberts, quen explica o problema da medicina baseada na raza, e Dwan Reece, que expón as orixes da práctica do blackface.

Complementan o especial as pezas “Fluxos migratorios, realidade e ficción: unha reflexión sobre a representación das migracións nos audiovisuais” e “As mulleres migrantes terman do mundo”, arredor do fenómeno migratorio, e mais o vídeo “Obxectivos de desenvolvemento sostible”, no que se analizan os dezasete propósitos aprobados pola ONU en 2015 para procurar un futuro sostible para a poboación mundial.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión
Proxector
Os dereitos humanos
Data de publicación
Martes, 12 de decembro de 2023
Onde
Consellodacultura.gal