Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia
Álbum de Galicia
Lino Braxe
Mércores, 13 de decembro de 2023consellodacultura.gal
Difusión
Lino Braxe
consellodacultura.galLino Braxe
Álbum de GaliciaLino Braxe (Mugardos, 1962 – A Coruña, 2020) foi un artista multidisciplinar, pois desenvolveu unha traxectoria profesional como poeta, actor, director, artista plástico, locutor de radio e cantante. Ademais, dedicouse á crítica, á investigación e á edición literaria tanto en Edicións Proscritas, o seu selo editorial, como noutras entidades. Este amplo abano de eidos en que desenvolveu a súa actividade converteuno “nunha figura poliédrica da cultura galega”, subliña Ana Abad de Larriva. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
Nado en Mugardos, Lino Braxe Mandiá estivo en contacto co mundo da arte desde neno, xa que o seu avó era violinista profesional e o seu pai, pintor e cantante. Ademais, manifestou un gusto temperá pola lectura, unha afección que cultivou, xunto co debuxo, durante os dezaseis meses que tivo que permanecer na casa para recuperarse dunha pneumonía.
A nivel profesional, deixou a súa pegada en varias disciplinas artísticas. Como poeta, “fixo dialogar a súa poesía coas diferentes artes nunha pulsión creativa continua”, subliña Ana Abad de Larriva na súa entrada do Álbum de Galicia. Nela, tamén destaca a participación de Lino Braxe como membro do colectivo coruñés De amor e desamor, así como a súa contribución nos dous volumes que publicou o colectivo en Ediciós do Castro. Os seus poemas publicáronse, así mesmo, en libros individuais, entre os que sobresaen Alaridos, finalista na XIII edición do Premio Miguel González Garcés; Baixo o sol de Mesina, co que obtivo un accésit no Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas 2007, ou Poemas guardados, divulgado de xeito póstumo e no que se recollen poemas das súas estadías en Cuba, Italia e A Arxentina. Ademais de poesía, escribiu varias obras narrativas, como A memoria perdida (1991), O conde-vampiro (1995) ou o libro de relatos A cor do ceo (1999).
O teatro foi outro dos ámbitos a destacar na traxectoria de Lino Braxe. Tras ter unha primeira experiencia na compañía coruñesa Luís Seoane no ano 1985, traballou como actor en numerosos grupos teatrais: a Escola Dramática Galega, Elsinor Teatro, Librescena, Manivela... Ademais, formou parte do elenco de varias obras producidas polo Centro Dramático Galego (CDG), como Un refaixo para Celestina (1993), Viaxe e fin de Don Frontán (1995) e O bufón de El Rei (1997). Tamén dirixiu montaxes escénicas tanto na súa propia compañía, Teatro Proscrito, como noutras. Cómpre mencionar o labor de adaptación e dirección que fixo da obra shakespeariana Hamlet para a compañía R.T.A. Produccións en 2006, por constituír “a primeira posta en escena profesional en galego deste texto”, tal e como indica Ana Abad de Larriva. Ademais, dirixiu lecturas dramatizadas, recitais e espectáculos poéticos —moitas veces, musicados— e proxectos escénicos de tipo didáctico. “Como director, deixou unha fonda pegada en varias xeracións de actores e actrices, pola súa intuición e intelixencia á hora de darlle a cada artista o que precisaba, pola súa pulsión creativa inspiradora e pola súa humanidade”, continúa a autora da súa biografía no Álbum de Galicia.
O audiovisual tivo tamén unha certa importancia na vida de Lino Braxe. Foi actor de longametraxes e series de televisión, como Pratos combinados, Galicia Express ou A vida por diante, así como guionista da mediametraxe Un café de ollos verdes (1997) e da curta A Coruña, cidade do futuro (1999), xunto con Enrique Ribadulla. Tamén dirixiu a serie Valderrei (2007) e escribiu e dirixiu a curtametraxe Dor (2015). No ámbito radiofónico, foi locutor e xefe de programación de RNE e, ademais, “exerceu de adaptador da obra dramática de numerosos autores galegos, como Blanco Amor ou Cunqueiro”, subliña Ana Abad de Larriva.
Por último, é necesario mencionar a súa faceta como artista plástico e como crítico, investigador e editor literario.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de José Baldomir, José Veiga Roel, Elena Quiroga e Xoán González-Millán.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

