Urbano Lugrís

Xornada. Revisando a nosa arte

Urbano Lugrís

Auga e soño

24 de xaneiro de 2024
Santiago de Compostela
Xornada
Revisando a nosa arte

Urbano Lugrís

Auga e soño

24 de xaneiro de 2024 Santiago de Compostela
Mergullarse na pintura de Urbano Lugrís (A Coruña, 1908 - Vigo, 1973) implica participar dun soño; un soño de escumas e noites estreladas nas que o maxín do seu autor é quen de xerar un afouto universo de engaiolantes imaxes que forman parte da plástica galega dende unha singularidade poucas veces vista.

O ciclo Revisando a nosa arte aproveita a recente efeméride do cincuenta aniversario do pasamento de Urbano Lugrís para achegarse á súa obra, o que comporta en boa medida afrontar un acto de inmersión nunha obra que envolve o espectador e que o traslada da realidade a unha serie de mundos xerados dende a imaxinación e a potenciación de lendas e paisaxes, así como a interiores cheos de obxectos capaces de crear unha atmosfera entre o desacougo e a expectativa, e todos eles artellando unha realidade paralela á nosa sociedade que é capaz de xerar unha cartografía metafísica dotada dun enorme poder de evocación.

Tres recoñecidos profesionais de diferentes ámbitos da creación e do estudo artístico serán os convocados arredor desta figura, coa que traballaron ao longo de cadansúas traxectorias profesionais. O escritor Luís Rei, autor da novela O señor Lugrís e a negra sombra, na que afrontou, a partir dun apócrifo diario, a confección dun complexo retrato do pintor, achegarase no comezo desta xornada á súa fascinante biografía. O segundo relator, o tamén pintor Antón Patiño, quen coincidiu co propio Urbano Lugrís nos seus derradeiros anos de vida na Cidade Olívica, centrarase no aspecto plástico e creativo. Sobre el escribiu diferentes textos e libros e, xunto coa comisaria de exposicións e xestora cultural Rosario Sarmiento, comisariou no ano 1997 a primeira grande exposición que reivindicou o seu legado tras anos de esquecemento e que, tras expoñerse no madrileño Círculo de Bellas Artes, puido visitarse no Auditorio de Galicia. A propia Rosario Sarmiento unirase a Luís Rei e a Antón Patiño nunha mesa redonda que pechará a xornada.
ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Ficha técnica
Xornada.
Revisando a nosa arte
Urbano Lugrís
Auga e soño
Cando
24 de xaneiro de 2024
Onde
Santiago de Compostela
Enderezo

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Ramón Rozas Domínguez
Relator/a
Antón Patiño Pérez
Luís Rei Núñez
Rosario Sarmiento Escalona
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: Manuel Quintana Martelo