Nenas e nenos cantan a NÓS

No bico un cantar

Nenas e nenos cantan a NÓS

Venres, 31 de maio de 2024 ás 18:00 horas
Ribadavia
Concerto
No bico un cantar

Nenas e nenos cantan a NÓS

Venres, 31 de maio de 2024 ás 18:00 horas Ribadavia
Venres, 31 de maio de 2024
18:00 horas
Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia


O encontro musical No bico un cantar é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia que se celebra no abrente do verán dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia. O desexo de poñer música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia está na orixe deste evento, que é algo máis que un concerto. Trátase dunha xornada de convivencia de nenas e nenos de toda Galicia que, dende o ensaio da mañá ata o concerto da tarde, gozan do lugar de acollida e da vivencia dunha paixón compartida: a música.

Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, os versos dos máis insignes autores e autoras galegos cobran vida nas voces de máis de trescentas cincuenta nenas e nenos procedentes de conservatorios das sete cidades galegas e do alumnado dos centros de ensino musical do lugar de celebración como convidados especiais.

O encontro No bico un cantar celebra en 2024 a súa oitava edición presencial, recuperada tras o parón provocado pola pandemia, e será a vila de Ribadavia a que nos acolla. Os concertos anteriores tiveron lugar en Santiago de Compostela, Celanova, Cambados, Cangas, Mondoñedo, Betanzos e Tui e neles foron cantados Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, os trobadores medievais, os autores mindonienses, os alalás e os autores da Raia.

Neste ano 2024 —e co atraso provocado pola pandemia— conmemoramos o centenario do nacemento de Nós, o «boletín mensual da cultura galega, órgao da sociedade galega de pubricacións Nós», que viu a luz o 30 de outubro de 1920 na cidade de Ourense. Estas eran as súas primeiras palabras: «Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos sai oxe Nós. É a ansia qu’oxe sinte Galicia de vivir de novo, de voltar ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai sair». Con esta arela, un grupo de intelectuais —entre os que se encontraban figuras senlleiras como Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas ou Cuevillas— botaron a andar un proxecto que converteu a Galicia en «célula de universalidade» ao verter nas súas páxinas o mellor da cultura europea do seu momento. Con esta vocación de divulgación da cultura galega, a iniciativa No bico un cantar quere hoxe poñer voz e música aos creadores da denominada Xeración Nós para lembrar e homenaxear o legado extraordinario da revista nacida no abrente do século xx e dos seus artífices. Con este fin, xuntámonos en Ribadavia, no abrente de xuño, para cantarmos a Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas e Risco na provincia que os viu nacer. Ao abeiro do castelo, viaxaremos musicalmente pola tenrura evocadora da neve da panxoliña de Nadal de Risco e pola morriña da distancia de Otero Pedrayo na que se soña a Compostela prometida («Ao lonxe as esperanzas vagorosas / como as nubes bogando van incertas») para deternos na coita de Álvaro de las Casas, a necesidade do mar dende esta terra de interior con horizonte de vales e montañas: «Mariñeiros, mariñeiros, / leváime con vós ao mar!». Ademais, e como todos os anos, contaremos cunha obra de encarga da que viviremos en Ribadavia a súa estrea absoluta. O autor escollido é o compositor Aaron Siebert, quen se detivo nuns versos do señor de Trasalba para ofrecernos unha obra nova que cobrará vida na voz dos mozos intérpretes. De remate e como vontade de futuro, o «Maio longo» de Rosalía de Castro, o xa consagrado himno anual do certame que nos servirá de ponte para a edición do vindeiro 2025.
ASISTENCIA
Asistencia libre e gratuíta até completar a capacidade do auditorio.
LUGAR
Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia
32400 Ribadavia (Ourense)
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Ficha técnica 
Concerto.
No bico un cantar
Nenas e nenos cantan a NÓS
Cando
Venres, 31 de maio de 2024 ás 18:00 horas
Onde
Ribadavia
Enderezo

Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia
32400 Ribadavia (Ourense)

Organiza
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Consello da Cultura Galega