NOTICIA

----

Trescentos cincuenta nenos e nenas cantan á Xeración Nós na oitava edición de No bico un cantar

O centenario da publicación do primeiro número de Nós, voceiro da histórica entidade, centra o programa da oitava edición de No bico un cantar, unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia. Máis de trescentos cincuenta nenos e nenas participarán neste encontro, que terá lugar no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia o vindeiro 31 de maio (18:00 horas). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación “a recuperación deste proxecto que se tivo que suspender por mor da pandemia, que xunta música, literatura e mocidade e co que contribuímos a crear un corpus musical coa encarga dunha composición, que nesta ocasión recae en Aaron Siebert e leva por título Vos nova sobre texto de Otero Pedrayo”. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez destacaron na rolda os traballos de preparación previos levados a cabo desde os conservatorios, mentes que o alcalde de Ribadavia, César Fernández, agradeceu a escolla desta localidade para lembrar a Xeración Nós. Maximino Zumalave, director do concerto destacou que “a música sempre se asocia aos días de festa, e precisamente isto é o que imos desenvolver este venres, unha gran festa que xunta a mocidade cantando na nosa lingua coa nosa música”.

O salón de plenos do concello de Ribadavia acolleu a rolda de presentación da oitava edición do encontro musical No bico un cantar. Unha cita que retoma a temática programada naquel 2020 en que se conmemoraba o centenario do nacemento de Nós (o 30 de outubro de 1920 viu a luz na cidade de Ourense o “boletín mensual da cultura galega, órgao da sociedade galega de publicacións Nós”), para lembrar e homenaxear o legado extraordinario da revista e dos seus artífices. Por iso, esta edición cántalles aos escritores nados en terras ourensás e vencellados ao movemento: Ramón Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas e Vicente Risco. “Recuperamos o programa previsto para 2020 e congratulámonos de volver poñelo en pé” afirmou a presidenta do CCG que lembrou que naceu no ano 2013 con vocación itinerante.

Na presentación do programa, Rubén Vázquez, lembrou que a xornada arrincou meses atrás coa preparación nas aulas dos conservatorios e que remata nunha xornada na que “comparten vivencias e experiencias musicais, ao tempo que contribúen a nosa cultura”. Unha idea na que tamén incidiu Anxo Lorenzo lembrou que o programa “ten os alicerces ben chantados, e unha idea idea ben clara de apoiar a música coa tradición literaria galega”.
A actividade, que terá lugar o venres 31 de maio, arrincará pola mañá coa chegada dos nenos e nenas desde diferentes puntos de Galicia para os ensaios previos. Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o concerto no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia. Maximino Zumalave volve poñerse á fronte deste concerto, que contará coa participación da agrupación de metais Hércules Brass, conformada por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Iago Ríos (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), que se converte nesta ocasión nun sexteto coa participación de Pablo Fernández Guzmán (trompa convidado). Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exercerá de mantedora do acto.
O programa
O concerto comezará coa Fanfarria Rhaptosodya nº 1, de P. Dukas e J. Viceiro, mais dúas pezas renacentistas de G. Farnaby e A. Holborne. Deseguido cantarase o poema Coita, no que Álvaro de las Casas lamenta a necesidade do mar e que foi musicado por Antón García Abril. Seguiralle Ao lonxe, con versos nos que Otero Pedrayo expresa a morriña da distancia e soña a Compostela prometida, e que conta coa música de Antonio Iglesias. Pechará este primeiro bloque a panxoliña de Nadal de Risco, á que o compositor recentemente finado Cristóbal Halffter lle puxo música. A peza musical Le Coucou de L.-C. Daquien abrirá a segunda parte do programa, na que terá lugar a estrea absoluta da peza Vos nova, que Aaron Siebert-Castiñeira compuxo por encarga do Consello da Cultura Galega para a ocasión sobre o poema de Ramón Otero Pedrayo “Canta nos hourizontes a vos nova”. O concerto rematará, como é habitual, co Maio longo de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto. Todos os arranxos musicais do programa son do recoñecido compositor Juan Durán.

No recital participarán alumnas e alumnos dos dez conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS de Verín, CMUS de Xinzo de Limia e CMUS de Ribadavia, xunto con alumnado das escolas de música municipais de Ribadavia e de Barbadás e mais o coro infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia.

No bico un cantar
No bico un cantar é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018) e a tradición musical da raia (Tui, 2019).