Especial - Lar Gallego de Caracas. Xoves, 24 de setembro de 2024

Lar Gallego de Caracas

Memoria documental das sociedades da emigración galega

Lar Gallego de Caracas

(1945-1960)

Xoves, 24 de setembro de 2024
consellodacultura.gal
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega

Lar Gallego de Caracas

(1945-1960)

consellodacultura.gal
Na análise do fenómeno das migracións masivas de galegos e galegas ao continente americano destaca Venezuela como destino tradicional, aínda que tardío. As fontes estatísticas mostran que o maior rexistro de inmigrantes procedentes de Galicia se produce entre 1948 e 1961, enmarcando así a primeira etapa migratoria (1936-1950) entre os gobernos de López Contreras e Pérez Jiménez, este último coñecido pola súa famosa política de “portas abertas”.

Tras a cruenta Guerra Civil española un grupo non moi numeroso de galegos atopou asilo en terras venezolanas. Dito grupo estaba composto principalmente por intelectuais, profesionais, técnicos cualificados e artistas. Cara a 1948 tamén comezaron a chegar ao país grande cantidade de emigrantes campesiños, que conformarían o groso da emigración galega en Venezuela, configurándose así unha segunda fase, durante os anos 50, de notable importancia numérica. A orientación laboral dos galegos residentes en Venezuela xiraba basicamente arredor do sector do comercio, contribuíndo ao impulso da actividade económica nacional e ao aumento do benestar e oportunidades laborais dos emigrantes.

Como elemento de cohesión grupal e mecanismo de axuda á integración no novo destino, a colectividade española fundou clubs e asociacións de carácter territorial, alí chamados centros rexionais españois. Entre ditas entidades atopamos o Hogar Canario, o Centro Vasco, o Centro Asturiano, o Centre Català e a sociedade de emigrantes galegos que nos ocupa neste especial: o emblemático Lar Gallego de Caracas, coa que comeza a historia do asociacionismo galego en Venezuela. Todo iniciou cando un grupo de galegos exiliados, disidentes do réxime franquista, deixaron de ser membros da Casa de España para fundar o Lar Gallego en 1945, convertendo a esta asociación na pioneira dos centros sociais e mutualistas da colectividade galega en Venezuela.
Na primeira reunión da asemblea de constitución do Lar Gallego de Caracas, celebrada o 15 de abril de 1945, anunciouse a autorización ministerial para o funcionamento da entidade como asociación estranxeira en Venezuela. Os membros que figuran na Xunta Directiva son: José María Mosqueira Manso (presidente); Silvio Santiago García (vicepresidente); Ángel Díaz y Díaz (secretario); Fernando Castro Paradela (vicesecretario); Francisco Calviño Diéguez (tesoreiro); Francisco Mosquera Vecino (contador); María Domínguez Benavides, Isaac García Barros, José Rodríguez Rial e Leoncio Jaso Roldán (vogais).

Ademais de desenvolver programas de carácter político, O Lar Gallego impulsou numerosas actividades culturais, recreativas e deportivas. A asistencia social, coa prestación do servizo médico aos socios e as iniciativas benéficas foron unhas das súas principais preocupacións. Figuras destacadas como Xosé Velo Mosquera pasan a formar parte activa para alcanzar os obxectivos desta entidade. O 28 de outubro de 1951 foi nomeado presidente da Comisión de Cultura e Arte, encabezando iniciativas unionistas como o movemento Pro Unidade Galega, co que se buscaba a unión do Lar Gallego e o Centro Gallego, entidade creada posteriormente. Velo foi elixido presidente do Lar o 31 de xaneiro de 1954, ano no que a entidade contaba con preto de 1.000 socios, participou en numerosos actos de reafirmación identitaria, defensa dos dereitos e reivindicación de liberdades para Galicia.

Outra das iniciativas culturais desenvolvidas pola sociedade foi a creación do Premio Otero Pedrayo, en conformidade cos acordos tomados na sesión da Xunta Directiva o 18 de agosto de 1954. A convocatoria dirixíase a autores de calquera nacionalidade que presentasen as súas obras inéditas en lingua galega. A primeira edición do traballo premiado corría a cargo do Lar Gallego para “ayuda y estímulo al movimiento cultural gallego”. En 1958 unha das galardoadas con este premio foi a escritora Antía Cal Vázquez, pola súa obra “Un libro pra os rapaces”. O 27 de marzo de 1955 Juan Noya Gil, o delegado do Lar Gallego en Galicia, entregou un donativo de dez mil pesetas á Xunta de Goberno da Real Academia Galega a beneficio da Corporación.


En 1955, un grupo socios do Lar Gallego de Caracas fundou a “Peña de Ajedrez Alexandre Bóveda”, sumamente coñecida na capital venezolana. Nas súas instalacións celebráronse torneos nos que participaron os xadrecistas máis destacados da época, tanto a nivel nacional como internacional. Esta agrupación editou a revista mensual Jaque: por el progreso del ajedrez venezolano, onde se informaba detalladamente o acontecido nos campionatos que organizaba.

Ademais da formación do “Coro Curros Enríquez” foi fundada a “Escola de Gaitas do Lar Gallego de Caracas” grazas ao Ricardo Portela. Tamén emitían un programa radial propio “La Voz de Galicia, la voz de la Emigración”, retransmitido todos os domingos na emisora venezolana Radio Rumbos e dirixido por Xosé Velo.

O Lar Gallego de Caracas deixou de funcionar en 1960, ano no que finalmente se fusiona co Centro Gallego e a Casa de Galicia, coa finalidade de fundar a Hermandad Gallega de Venezuela.

DOCUMENTACIÓN de "Lar Gallego de Caracas" que se pode consultar no Arquivo de Fondos do Consello da Cultura Galega


XUNTAS DIRECTIVAS DO LAR GALLEGO DE CARACAS:
- Libro de Actas das reunións das Xuntas Directivas nº 1 (1945-1950)
- Libro de Actas das reunións das Xuntas Directivas nº 2 (1950-1953)
- Libro de Actas das reunións das Xuntas Directivas nº 3 (1953-1957)
- Libro de Actas das reunións das Xuntas Directivas nº 4 (1957-1959)

XUNTAS XERAIS DE SOCIOS DO LAR GALLEGO DE CARACAS:
- Libro de actas de xuntas xerais nº 1 [15-04-1945 ao 17-06-1956]
- Libro de actas de xuntas xerais do Lar Gallego nº 2 [9-09-1956 ao 22-05-1960]]

Informe da Xunta Directiva presentado na xunta xeral celebrada o 9-9-1956
 
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Lar Gallego de Caracas
(1945-1960)
Data de publicación
Xoves, 24 de setembro de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Organiza
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)