A nova documentación que o Arquivo da Emigración Galega (AEG), dependente do CCG, vén de facer pública reflicte a historia dunha colectividade “pioneira”. O Lar Gallego de Caracas que foi das principais asociacións de galegos na emigración durante a etapa do franquismo. O seu nacemento en 1945, remite o texto introdutorio do fondo documental, ten que ver coa separación dalgúns membros da Casa de España, que decidiron conformar esta asociación non só de reunión de compatriotas emigrados ou exiliados, senón tamén de ideas políticas. Inspiráronse no aprendido da visita do secretario xeral do Centro Gallego de Bos Aires, Rodolfo Prado, á capital venezolana, xa que nese encontro Prado propuxo á colectividade galega da urbe a creación dun novo lugar de reunión. A razón de ser política desta institución ocasionoulle problemas co goberno do día en Venezuela, unha ditadura, a cal limitaba na súa lexislación a aparición de asociacións de persoas estranxeiras que espallaran contido de denotada ideoloxía. Así, o CCG recolle como este centro estaba caracterizado “polo predominio de persoas de ideoloxía de esquerdas, republicano-progresistas, que defendían principios galeguistas e antifranquistas”.
O Lar tiña como un dos obxectivos principais a atención social daquela colonia galega en Venezuela, con parte dela aínda nunha situación de penuria económica e sen asistencia sanitaria. Ademais da actividade política, como as homenaxes anuais a Daniel Castelao dende 1951, a agrupación celebrou tamén eventos e homenaxes de carácter cultural. O centro contaba coa peña de xadrez “Alexandre Bóveda”, un grupo polo cal pasaron “os mellores xadrecistas mundiais da época” e organizaban de xeito cotiá ciclos de conferencias e charlas culturais. Neste sentido, publicaban un boletín que informaba dos eventos sociais da colectividade galega en Venezuela e das actividades dos escritores afincados en cidades referenciais para a Galicia da diáspora como Bos Aires, Cuba ou México. Así mesmo, emitían un programa de radio dominical na emisora Radio Rumbos. Destacaban, tamén, na organización de premios á cultura, con exemplos como premio á Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, o premio Maside de pintura ou o premio literario Ramón Otero Pedrayo.
Finalmente, xa no ano 1960, imperou “a necesidade de crear unha asociación forte para aglutinar a todos os galegos emigrados”, remite a información dispoñible no CCG, e os dirixentes do Lar Gallego, do Centro Gallego e da Casa de Galicia decidiron unirse nunha nova colectividade, a Hermandad Gallega de Venezuela.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en febreiro deste ano o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.


