Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro 2024

Difusión.

Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro 2024


Santiago de Compostela
Difusión

Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro 2024

Santiago de Compostela

As cifras de emprego e de creación de empresas do sector cultural neste ano sitúanse nunhas cifras semellantes ás de 2023. Con todo, a tendencia segue a ser positiva en canto aos datos de produción (a produción de libros amosa a mellor cifra desde 2011), asistencia a salas de cine e gasto cultural das familias. Son algunhas das conclusións da oitava Conxuntura estatística do ámbito cultural, documento de traballo que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Entre os aspectos menos positivos desta radiografía do sector cultural, destacan as cifras de exportación que amosan un retroceso. O documento de traballo xa está dispoñible para descarga desde o web do CCG.
Despois de dous anos de crecemento importante a nivel de emprego, a tendencia neste 2024 é de estabilidade. O empregou no sector cultural sitúase en 36.800 persoas en Galicia, practicamente mesma cifra que hai un ano, aínda que nos últimos tres trimestres a tendencia foi á baixa. Con respecto aos datos da Seguridade Social do ámbito cultural en Galicia, houbo un incremento de 216 afiliacións, impulsadas principalmente polos traballadores autónomos, que representan arredor do 45% do total. Coma en anos anteriores, repítese o patrón estacional, con incremento en certas actividades durante os meses de verán. O número de empresas creadas en Galicia neste ano foi de 135 (4 menos que en 2023) e mantense a tendencia de que son A Coruña e Pontevedra onde se crean máis empresas.

Analizando eses datos por actividades, a conxuntura do Observatorio da Cultura Galega destaca que a educación cultural, o deseño especializado e os servizos de arquitectura son as que rexistran aumentos sostidos. Do outro lado están as actividades de fabricación de produtos culturais e axencias de noticias que teñen menos afiliacións con respecto ano anterior. Mantéñense relativamente estables as cifras das actividades artes gráficas, as librarías e, en xeral, as actividades de comercio de produtos culturais.

Esta sensación de estabilidade tamén se aprecia na variación anual do IPC (índice de prezos ao consumo) que se sitúa no mes de setembro de 2024 nun 0,8%, 0.5 puntos por debaixo do IPC xeral. E aínda que os prezos subiron con respecto ao setembro pasado, houbo unha moderación no seu ascenso.

Comercio exterior
Entre 2019 e 2023 incrementáronse un 88% as exportacións nas principais actividades culturais de Galicia. Aínda que no conxunto destas se observa unha tendencia á alza nas cifras de exportacións, no ano 2023 produciuse unha diminución dun 2,4% con respecto ao ano anterior (de 12.246.200 a 11.946.300 euros), principalmente debido ás actividades de edición e de creación, artísticas e espectáculos, cuxas cifras de exportación descenderon nun 6,6% e nun 6% respectivamente. De todos os xeitos, as actividades de edición seguen a achegar as cifras máis elevadas en termos de exportacións.

Viaxes culturais
O documento de traballo tamén analiza o volume de viaxes culturais relativas a Galicia. En 2023, Galicia rexistrou 714.000 viaxes de residentes en España. É un 6,2% do total de viaxes culturais realizadas no conxunto de España. As estadías en Galicia superan a media estatal, chegando a 4,7 días en 2023 fronte a 3,4 en España. O gasto total en viaxes culturais a Galicia foi de máis de 330 millóns de euros, un incremento de 111 millóns con respecto a 2019, aínda que experimentou un leve descenso en relación con 2022. Ademais, o gasto por viaxe en Galicia (464 euros) é superior ao rexistrado no conxunto de España.

Da Administración ás familias: orzamento e gasto
A Conxuntura apunta que medraron os orzamentos das Administracións públicas en todos os niveis. Os orzamentos de cultura e normalización lingüística da Administración autonómica incrementáronse nun millón de euros en 2024 ata os 116,6 millóns, o que indica un crecemento dun 1,3%, inferior ao incremento do gasto global. A porcentaxe do gasto en cultura e normalización lingüística sobre o global sitúase nun 0,8%. O gasto en cultura das entidades locais galegas experimentou un aumento absoluto maior, pasando de 233,6 millóns a 241,5 millóns de euros. Sen embargo, en termo relativos, a proporción do gasto cultural sobre o total das entidades lo-cais reduciuse lixeiramente, do 7,6% ao 6,7%, o que significa que outras áreas orzamentarias medraron a un ritmo superior. Nos concellos, o gasto en cultura incrementouse de 181,7 a 191,1 millóns de euros. Parte da perda de peso explícase porque as deputacións mostraron un axuste á baixa, pasando de 54,8 millóns en 2023 a 50,5 millóns en 2024.

No que respecta ao gasto en cultura das familias, o informe asegura que o gasto dos fogares galegos en produtos e servizos culturais aumentou de maneira importante chegando a máis de 500 millóns de euros en 2023, o que representa un 1,38% do gasto total. As entradas a espectáculos culturais, as subscricións a plataformas de contidos audiovisuais de pagos... en resumidas contas os servizos culturais acaparan as cifras máis alta de gasto (151,7 millóns de euros, 55 máis só no último ano), seguidos dos libros (118,2 millóns e cun crecemento máis moderado) e dos soportes de imaxe, son e datos. A compra de prensa segue unha tendencia decrecente. A conxuntura tamén asegura que “os escasos datos de consumo real dos que se dispón en 2024, centrados nos que ofrecen as entidades bancarias sobre o uso de tarxetas, indican unha contracción do gasto en ocio e cultura”. Con todo, a confianza da poboación galega segue sendo moi positiva, cun 70% de fogares que pensa que poderá permitirse saír a cear, a cafeterías, ir ao cine, ao teatro nos próximos tres meses.

Con respecto aos públicos, a conxuntura destaca unha volta progresiva do público ao cine. En 2023 foron ao cine 3.2 millóns fronte aos 1,2 de 2020. Iso supón tamén un aumento da recadación (sobre ata os 20,1 millóns de euros cun gasto medio por habitante de 7,5) que recupera as cifras anteriores á pandemia. A recuperación en Galicia é proporcionalmente similar á do conxunto do Estado en termos de recadación total, pero inferior no que se refire ao gasto por espectador.
ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
 
Difusión.
Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro 2024
Data de publicación

Onde
Santiago de Compostela
Enderezo

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Organiza
Observatorio da Cultura Galega (CCG)
Observatorio da Cultura Galega (CCG)