Difusión - A adversidade nos mapas do tempo.

A adversidade nos mapas do tempo

Proxector Difusión

A adversidade nos mapas do tempo


Santiago de Compostela
Difusión
Proxector

A adversidade nos mapas do tempo

Santiago de Compostela

O aumento do nivel do mar, desxeo dos glaciares, quecemento dos océanos e fenómenos meteorolóxicos extremos son algunhas das consecuencias do cambio climático. Sobre os fenómenos meteorolóxicos adversos e as consecuencias do cambio climático tratan os doce vídeos que conforman a nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC). “A adversidade nos mapas do tempo” é o título desta entrega que xa está dispoñible.
Fenómenos adversos coma a DINA que acaba de sufrir a costa mediterránea serán cada vez máis frecuentes na Península Ibérica. Aínda que non se poden evitar, pódense minimizar os seus danos co que ONU chama alfabetización climática, é dicir, educación e coñecemento. Nesta idea afonda a nova entrega de Proxector, que escolma unha ducia de recursos que nos falan dos factores que determinan o clima, nos advirten das consecuencias do cambio climático e nos ensinan a interpretar os fenómenos meteorolóxicos adversos dos que alertan os mapas do tempo.

O profesor Xacobo de Toro explica nun dos vídeos como interpretar os mapas do tempo. Noutro, pertencente á serie "Desmontando mitos de Gciencia", o profesor da USC, Gonzalo Míguez Macho, explica as evidencias científicas que constatan que o actual quecemento global está provocado polo aumento de CO2 na atmosfera. Nesta entrega, a divulgadora Esther Estévez explica, dun xeito ameno e breve, que a forma galega correcta é DINA. Que é un rebentón húmido e porqué as borrascas teñen nome centran outros dos vídeos do especial. Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na USC, explícanos como funciona un pararraios e resolve a dúbida sobre se un raio pode caer dúas veces no mesmo sitio. Os microclimas de Galicia tamén son obxecto de análise doutro vídeo a cargo de Juan Taboada Hidalgo que tamén explica as principais características diferenciadoras entre eles e os factores que motivan esta diversidade.

Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión
Proxector
A adversidade nos mapas do tempo
Data de publicación

Onde
Santiago de Compostela
Lugar

consellodacultura.gal