O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimestral e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro. Cada dous meses, presentaremos unha nova conferencia do noso fondo que permitirá coñecer o acervo musical do país da man dos seus máis grandes expertos.
Nesta nova entrega das Caligrafías Musicais do Arquivo Sonoro de Galicia, o musicólogo Varela de Vega repasa a traxectoria profesional de Bal y Gay no seu exilio mexicano e enumera, con distintas anécdotas, as súas relacións coas grandes figuras internacionais da música que visitan México.