Hermandad Gallega de Venezuela (1960)

Memoria documental das sociedades da emigración galega

Hermandad Gallega de Venezuela (1960)

(1960- Actualidade)

Xoves, 26 de decembro de 2024
consellodacultura.gal
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega

Hermandad Gallega de Venezuela (1960)

(1960- Actualidade)

consellodacultura.gal
A Hermandad Gallega de Venezuela constitúe a entidade de maior representación da colectividade galega en dito país. A súa creación foi levada a cabo grazas á fusión de tres centros pioneiros do asociacionismo étnico galego en Caracas. Tal como acontece na maioría dos procesos de transformación ou cambio, o percorrido anos atrás non supuxo un camiño de rosas, pois houbo que superar certas diferenzas entre directivos con distintos patróns de pensamento político, ademais das circunstancias propias do panorama gobernamental nacional do momento, baixo o mandato de Pérez Jiménez. Así e todo, o 12 de outubro de 1960 celebrábase a asemblea xeral de socios pertencentes ao Lar Gallego de Caracas (1945), o Centro Gallego (1948) e a Casa de Galicia (1956), que daría lugar á resolución da fusión formal dos tres centros nunha soa entidade societaria, autodeclarada “apolítica”.
Coa fundación da Hermandad Gallega de Venezuela (Irmandade Galega de Venezuela) viuse cumprido o principal obxectivo de unir forzas para preservar a cultura galega, os valores, as crenzas e tradicións, así como a defensa da lingua como símbolo identitario e distintivo propio dentro da sociedade plural de acollida. Procurouse tamén o apoio solidario nunha terra que, a pesar de amosarse sumamente receptiva, amable e chea de oportunidades, non lograba diluír por completo a complexa situación de desarraigamento propio de todo emigrante.
O Consello Directivo fundador estaba integrado polos seguintes membros: presidente, Ángel Feijóo González; secretario xeral, Baldomero Gallego Figueiras e o tesoureiro, Vicente Barcia Portela. Outros integrantes con cargos executivos foron: José Penido Iglesias, Emilio Varela Vidal, José Gallego Pérez, Álvaro Rodríguez González, Julio López, José Ríos Iglesias, Julio Fernández, Amadeo Estévez, Argimiro Costa, José Seijo, Luis Cortiñas, Luis Francisco Carrillo, Eduardo Meilán, Jesús Rodríguez Sampayo, Manuel Aguilar Rivadulla, Francisco Mosquera e Francisco Soto. O número de socios fundadores foi de 800 e a cota que había que pagar era de 10 bolívares mensuais.
Cumprido xa o principal obxectivo da fusión e a súa posta en marcha como única asociación civil, o seguinte paso sería a consecución dunha sede social propia, na que os socios e as socias compartisen espazos comúns de xeito permanente. Dito propósito levou ao nomeamento da Comisión Pro-local único, que buscaría e xestionaría a mellor opción. Finalmente realizouse a compra das instalacións do antigo Casablanca Tenis Club (1946), o cal pasou a mans da Hermandad Gallega de Venezuela en 1961.
Dende a súa fundación a entidade organiza actividades culturais sumamente interesantes, desenvolvidas por varios grupos de danza folclórica, gaitas, coro, teatro, etc. Hoxe en día conta con case unha vintena deles, algúns de nova creación. No seu Teatro Rosalía de Castro, segundo en importancia a nivel nacional, despois do Complexo Cultural Teresa Carreño, ademais de representacións artísticas realízanse actos de índole académica, asembleas, intervencións de autoridades galegas e venezolanas etc.
Cabe sinalar a existencia da importante emisión radiofónica “Sempre en Galiza”, activa desde os seus inicios ata a actualidade e cunha traxectoria histórica peculiar. Trátase dun programa dominical mixto, cultural e informativo, no que participaron destacados escritores galegos como: Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Filgueira Valverde, Fernández del Riego, Xesús Alonso Montero, Manuel María, Marino Dónega, Santiago Álvarez, Alfonso Sastre ou Alfredo Conde, e tamén importantes autores venezolanos como Arturo Uslar Pietri.
Outra das prioridades desta asociación céntrase no eido médico-asistencial, que tanta falta lles fixo sempre aos emigrantes galegos neste destino, ampliando a cada paso a prestación de servizos médicos das distintas especialidades.
A Hermandad Gallega de Venezuela ten como característica diferencial o destacado papel desenvolvido na área deportiva, con figuras sobresaíntes no panorama nacional e internacional. Ademais, as actividades recreativas fomentan numerosas situacións de sociabilidade entre socios e socias de todas as idades, dentro dos distintos espazos que ofrecen as confortables instalacións da entidade. A sede metropolitana desta entidade societaria non é o único lugar de encontro. Os impulsos das directivas por continuar ampliando horizontes víronse materializados coa adquisición, en 1978, da chamada “sede campestre Valle Fresco”, situada nas aforas da capital. Unhas 40 hectáreas de terreo, cunha ampla variedade de instalacións deportivas, a capela Santiago Apóstol para oficios litúrxicos, espazos para xantares etc, onde os socios desenvolven as actividades aproveitando, sobre todo, os festivos locais.
Non debemos esquecer a Peña de Ajedrez Alexandre Bóveda, creada en 1955 polo Lar Gallego de Caracas, como agrupación exclusivamente xadrecista e integrada na Hermandad Gallega de Venezuela trala fusión, acadando un maior potencial de afeccionados dentro do ámbito metropolitano.
Especial mención merece o importante labor educativo que desenvolve a Hermandad desde os seus inicios. O Colexio Castelao foi creado en 1965 coa finalidade de apoiar aos emigrantes galegos na educación dos seus descendentes. Dedicaremos unhas liñas sobre a súa historia nun próximo especial.


Documentación da "Hermandad Gallega de Venezuela (1960)" que se pode consultar no Arquivo de Fondos do Consello da Cultura Galega:

ESTATUTOS DA HERMANDAD GALLEGA DE VENEZUELA 1960
ESTATUTOS DA HERMANDAD GALLEGA DE VENEZUELA 1980
ESTATUTOS DA HERMANDAD GALLEGA DE VENEZUELA 1993
ESTATUTOS DA HERMANDAD GALLEGA DE VENEZUELA 2006

LIBRO DE ACTAS ELABORACIÓN DOS ESTATUTOS DA HERMANDAD GALLEGA DE VENEZUELA 1980

CONSELLOS DIRECTIVOS (XUNTAS DIRECTIVAS) DA HERMANDAD GALLEGA DE VENEZUELA (HGV)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 1-52  (1960-1962):
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 53-105 (1962-1963)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 106-179  (1963-1965)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 180-253  (1965-1966)

Libro de Actas do Consello Directivo, nº 252-353  (1966-1969)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 354-427 (1969-1971)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 428-495 (1971-1972)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 496-603 (1972-1975)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 604 a 707 (1975-1978)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 708-797 (1978-1980)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 798-885 (1980-1983)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 886 a 983 (1983-1985)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 984-1060 (1985-1987)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 1061-1133 (1987-1989)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 1134 a 1191 (1990-1991)
Libro de Actas do Consello Directivo, nº 1192-1246 (1991-1992)

XUNTAS XERAIS:
Libro de Actas de Xuntas Xerais (1960-1965)
Libro de Actas de Xuntas Xerais (1965-1970)
Libro de Actas de Xuntas Xerais (1971-1974)
Libro de Actas de Xuntas Xerais (1974-1980)
Libro de Actas de Xuntas Xerais (1980-1987)

Libro de Actas de Xuntas Xerais (1987-1998)

CONSELLOS EXECUTIVOS
Libro de Actas do Consello Executivo 1960
Libro de Actas do Consello Executivo 1962
Libro de Actas do Consello Executivo 1973
 
Especial.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Hermandad Gallega de Venezuela (1960)
(1960- Actualidade)
Data de publicación
Xoves, 26 de decembro de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)