Arquivo da Emigración GalegaEn 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de marzo cinco números de Adiante, publicación oficial das Mocedades Galeguistas, filial da sociedade arxentina Irmandade Galega.
"Os pobos que perden a súa liberdade, perden a súa diñidade; e fícalles só un modo de manter ísto: loitas por aquila" aseguran os editores no editorial do primeiro número, que saíu á rúa en 1954. Nel explican que os seus obxectivos son “manter a diñidade do Povo Galego. E mantela do único xeito posible, que é loitando pola liberdade de Galiza, usando todas as armas que temos a man: a fala, o folklore, a literatura, o xornalismo....". Nesta entrega súbense cinco números desta publicación gratuíta, de carácter político, que informa sobre as actividades societarias (asembleas, edicións de libros etc.) e da situación da colectividade en xeral. Nas súas páxinas realízase unha defensa de Galicia dende postulados nacionalistas e republicanos, criticando a súa situación política e económica en varias das súas seccións como "Da Galicia asoballada" ou "O Fungueiro".
A publicación, dirixida por C. Conles Tizado, conta con escasas ilustracións e inclúe fotografías de actos sociais e de personalidades galeguistas como Castelao, Alonso Ríos ou Antolín Faraldo. Nos seus publicidade moi escasa e limitada a audicións radiofónicas, ensino do idioma galego e a venda de libros.
O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do CCG. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.