Memoria documental das sociedades da emigración galega
Documentación Societaria Custodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
El Valle de Oro, Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo
A Habana, 1 de setembro de 1907. Continúa a existir na actualidade.
Xoves, 26 de xuño de 2025consellodacultura.gal
Especial
El Valle de Oro, Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo
A Habana, 1 de setembro de 1907. Continúa a existir na actualidade.
consellodacultura.galA sociedade estaba rexida por un Consello de fundadores constituído por Valentín Nécega Rivas (presidente fundacional), Juan R. Álvarez, Angel Mandiá Reigosa, José F. Vidal, Antonio Vila Ares, Constantino Romero Cortiñas, Manuel Díaz Lestegás, José Mandiá Reigosa e Generoso Díaz Villar. E por unha xunta directiva, integrada en 1907 por Francisco Janeiro Goás, como presidente; vicepresidente, José Manuel Otero; secretario, José Mª Candia Nécega; vicesecretario, Juan R. Álvarez; tesoureiro, Juan López Gómez; vicetesoureiro, Manuel Hermida e 8 vogais. José Mª Candia Nécega e Andrés Canoura Palmeiro, principais promotores da súa fundación foron nomeados “Presidentes de Honor”.
Axiña comezan as xestións para promover a creación de escolas nos seus concellos natais. Para financiar as súas actividades instrutivas e benéficas, ademais das achegas dos seus asociados –xa en 1908 contaba con máis de 400–, organizaba festivais e xiras campestres para a colectividade galega. En 1908 recada numerosas doazóns para financiar unha escola para a xuventude de ambos sexos na vila de Ferreira con ensinanza de agricultura; para ampliar os apoios a esta iniciativa publica un manifesto solicitando a solidariedade dos seus connaturais residentes na Arxentina e Madrid.
En 1912, os socios aproban a construción dunha casa-escola na parroquia de Santa María de Vilacampa (O Valadouro) que foi inaugurada en 1921. Comeza así un inxente labor a prol da instrución coa construción doutros edificios educativos como o da parroquia de Cadramón (1925) e dous máis no concello de Alfoz: unha casa-escola en Bacoi (1930) e outra en Adelán (1933). Ademais realiza numerosas achegas para o funcionamento das escolas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz. Como vemos rexíanse pola norma da equidade entre os dous concellos dos que eran naturais. Tras anos de funcionamento como centros de ensino, en 1946, a sociedade cedeu os edificios da súa propiedade aos concellos respectivos coa condición de que continuaren co seu uso educativo. En 1991 o alcalde de Alfoz contactou coa entidade para que se lles permitise usar as escolas con outra finalidade de “uso social para a comunidade”, petición que foi aceptada dende A Habana.
Outra das súas preocupacións foi a rehabilitación das igrexas parroquiais. A tal fin constituíse un “Comité Pro Iglesia de Ferreira” encargado de xuntar e xestionar fondos para rematar a construción deste templo, que será inaugurado en 1931 grazas ás achegas de Cuba. E en 1954 continúan as remesas dende Cuba para a construción da torre da igrexa e da instalación dun reloxo. Ese mesmo ano, na celebración das festas patronais, organizouse unha homenaxe a prol da entidade habaneira por parte dos veciños da comarca. Así mesmo enviou cartos para a rehabilitación da igrexa parroquial de Cadramón.
Non debemos esquecer o importante labor solidario e de protección cos e coas socias máis necesitadas, ademais das actividades recreativas e de lecer que serviron para manter a unión entre os socios. Como tantas asociacións galegas en Cuba, en 1929 mercou unha parcela no Cemiterio Colón da Habana para construír un Panteón social que foi inaugurado en 1933.
Actualmente esta entidade traballa a prol dos seus asociados, axudando aos máis necesitados na medida das súas posibilidades e organizando actividades recreativas. Dende 2004 e ata 2017 estivo presidida pola Sra. Esperanza Uz Medín, socia dende 1946, ano no que se permitiu a entrada de mulleres como asociadas con plenos dereitos e que nos facilitou o traballo de dixitalización dos fondos que se poden consultar nesta web.
Documentación da sociedade EL VALLE DE ORO, SOCIEDAD DE INSTRUCCIÓN, PROTECCIÓN Y RECREO que se pode consultar no Arquivo de Fondos do Consello da Cultura Galega:
LIBROS DE ACTAS que recollen as reunións das Xuntas Directivas nos seguintes períodos:
Libro do 23 de marzo de 1932 ata o 24 de xuño de 1942
Libro do 22 de abril de 1972 ata o 28 de xaneiro de 1976
LIBROS DE ACTAS que recollen as reunións das Xuntas Xerais de Socios nos seguintes períodos:
Libro do 21 de xaneiro de 1923 ata o 26 de marzo de 1930
Libro do 11 de febreiro de 1947 ata o 30 de xaneiro de 1963
LIBROS DE ACTAS que recollen as reunións das diversas Comisións da entidade:
CONSEJO DE FUNDADORES:
Libro do 4 de decembro de 1923 ata o 16 de febreiro de 1969
COMITÉ «PRO-IGLESIA DE FERREIRA»: Consta da Acta de constitución deste Comité e unha relación das achegas dos asociados para dedicar a construción desta igrexa.
Libro do 19 de decembro de 1920 ata o 25 de decembro de 1920
SECCIÓN DE BENEFICENCIA:
Libro do 26 de marzo de 1924 ata o 24 de abril de 1939
SECCIÓN DE PROPAGANDA Y RECREO:
Libro do 18 de marzo de 1924 ata o 14 de xaneiro de1931
REGULAMENTOS polos que se rexe a sociedade:
Primeiro Regulamento. Copia mecanografada e asinada polo presidente e secretario da entidade e acreditada co selo do goberno provincial da Habana (29 de decembro de 1916).
Regulamento reformado (aprobado o 20 de xullo de 1945)
REXISTRO DE SOCIOS:
Libro Rexistro de Socios de 1907 ata 1950
Libro Rexistro de Socias de 1932 ata 1952
Libro Rexistro de Socios do 1 de xullo de 1949
Libro Rexistro de Socios de 1955 ata 1964
Libro Rexistro de Socios de 1964 ata 1993
Listaxe de Socios (sen data e incompleto, algunhas das páxinas están en mal estado de conservación)
Recibo acreditativo do pago da cota social (1 de decembro de 1947)
DOCUMENTACIÓN SOBRE O PANTEÓN SOCIAL:
Expediente coa documentación da compra da parcela no Cemiterio Colón para a construción do Panteón social (10 de decembro de 1929) e documento da renovación do dominio da propiedade en 1955
DOCUMENTACIÓN SOBRE AS ESCOLAS promovidas pola entidade:
Documento notarial de cesión dos seus edificios educativos aos concellos nos que se construíron (A Habana, 14 de decembro de 1946)
Expediente coa correspondencia entre a directiva de «El Valle de Oro» e o concello de Alfoz para a doazón con outras “finalidades sociais” dos edificios das antigas escolas de Adelán e Bacoi (1991-1994)
PUBLICACIÓNS:
MEMORIA SOCIAL dos anos 1916 e 1917 (publicada na Habana en 1918).
MEMORIA SOCIAL de 1928 (publicada na Habana en 1929).
El Valle de Oro, Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo
A Habana, 1 de setembro de 1907. Continúa a existir na actualidade.
Xoves, 26 de xuño de 2025 consellodacultura.galEl Valle de Oro, Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo
A Habana, 1 de setembro de 1907. Continúa a existir na actualidade.
Xoves, 26 de xuño de 2025 consellodacultura.galSolicita a túa inscrición
El Valle de Oro, Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo
A Habana, 1 de setembro de 1907. Continúa a existir na actualidade.
Especial. Xoves, 26 de xuño de 2025Ligazóns
Prensa
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega
El Valle de Oro, Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo
A Habana, 1 de setembro de 1907. Continúa a existir na actualidade.
Data de publicación
Xoves, 26 de xuño de 2025Onde
consellodacultura.galAutoría

Arquivo da Emigración Galega (CCG)


