A sociedade foi creada, tal e como figura na documentación posta en rede, para “fomentar a unión fraternal, dispensar asistencia e ofrecer auxilio material aos paisanos que puidesen atravesar momentos difíciles de distinta natureza”. A sociedade estaba rexida por un Consello de fundadores constituído por Valentín Nécega Rivas (presidente fundacional), Juan R. Álvarez, Angel Mandiá Reigosa, José F. Vidal, Antonio Vila Ares, Constantino Romero Cortiñas, Manuel Díaz Lestegás, José Mandiá Reigosa e Generoso Díaz Villar. E por unha xunta directiva, integrada en 1907 por Francisco Janeiro Goás, como presidente; vicepresidente, José Manuel Otero; secretario, José Mª Candia Nécega; vicesecretario, Juan R. Álvarez; tesoureiro, Juan López Gómez; vicetesoureiro, Manuel Hermida e 8 vogais. José Mª Candia Nécega e Andrés Canoura Palmeiro, principais promotores da súa fundación foron nomeados “Presidentes de Honor”.
Actualmente esta entidade traballa a prol dos seus asociados, axudando aos máis necesitados na medida das súas posibilidades e organizando actividades recreativas. Dende 2004 e ata 2017 estivo presidida pola Sra. Esperanza Uz Medín, socia dende 1946, ano no que se permitiu a entrada de mulleres como asociadas con plenos dereitos e que nos facilitou o traballo de dixitalización dos fondos que se poden consultar nesta web.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación do Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.