En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
María Luisa Iglesias Losada naceu o 7 de setembro de 1904 en Monforte de Lemos (Lugo) e faleceu en Bilbao (Biscaia) o 29 de decembro de 1996. Era neta de Florencio Iglesias, un morfortino emigrado a Cuba coñecido como o "Cubano". Florencio, de regreso en Galicia, foi xerente da primeira fábrica de luz de Montorte, promotor do hotel Comercio e dono do pazo de Sober. Casado con Evangelina Marzo, tiveron en Baracoa (Cuba) ao seu fillo Waldo Iglesias Marzo, que casaría con Emilia Losada Prieto. Deste matrimonio naceu María Luisa, futura médica xinecóloga.