Arquivo da Emigración GalegaEn 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
O ambiente galeguista da emigración en Bos Aires no século XX poderá ser hoxe máis coñecido. O Consello da Cultura Galega rematou o proceso de dixitalización e publicación da emblemática publicación Opinión Gallega, o órgano oficial do Centro Ourensán e o Centro Pontevedrés de Bos Aires. Con 120 números novos que comprenden entre decembro de 1945 e novembro de 1953, os lectores poderán seguir sinaturas tan destacadas como Castelao, Plácido R. Castro, Antón Alonso Ríos, Aquilino Iglesia Albariño, Ramón Otero Pedrayo ou Xosé Neira Vilas, entre moitos outros. seu Repertorio da prensa da emigración galega
O Arquivo da Emigración Galega incorporou todos estes números no Repertorio da Prensa da Emigración Galega, dispoñible no web da institución, completando así a dilatada historia desta publicación. O obxectivo de Opinión Gallega era contribuír á “elevación moral, intelectual e económica da colectividade y a coordinación do esforzo común en pro de Galicia”, e para iso combinaba as informacións propias da vida das sociedades que acollía con numerosas informacións sobre a colectividade galega na Arxentina, especialmente no ámbito cultural e do galeguismo. A información galega está tamén proporcionada polos intelectuais galeguistas.
O Repertorio da Prensa da Emigración Galega é un proxecto iniciado en 1998 que reúne 756 referencias a publicacións da emigración galega que presentan unha variada tipoloxía, desde boletíns, xornais ata revistas culturais e voceiros internos. Sobre esta base documental o CCG vai incorporando gradualmente as coleccións dixitais das publicacións que se conservan.