Xornada - As pontes históricas. 4 de decembro de 2025

As pontes históricas

A unha voz na metade do Reino Xornada

As pontes históricas

4 de decembro de 2025
Melide
Xornada
A unha voz na metade do Reino

As pontes históricas

4 de decembro de 2025 Melide
Na singularidade da paisaxe de Galicia que Otero Pedrayo describiu e na súa relación coas redes de comunicación ao longo da historia, os pasos fluviais, e en particular as pontes, son un dos elementos determinantes no trazado dos camiños en todas as épocas e mostra das formas e técnicas construtivas da enxeñaría histórica e, polo tanto, do seu tempo.

Como describe o profesor Carlos Nárdiz: “Polos pasos naturais dos vales fluviais desenvolvéronse historicamente as comunicacións, polas penechairas elevadas ou polas marxes dos vales, evitando o cruzamento dos ríos e buscando os vaos ou pasos naturais cando foi necesario atravesalos. Nestes vaos ou pasos de barca levantáronse as pontes como pasos permanentes e seguros que fixan sobre o territorio as rutas e concentran non só os camiños, senón tamén as feiras, os mercados e os núcleos de poboación”.

Nas pontes, ademais do seu valor de uso e do valor histórico que deriva da súa antigüidade, recoñecemos outros valores: a paisaxe na que se integran, a valoración social e aqueles que requiren unha análise experta, presentes nas diversas tipoloxías estruturais, nos sistemas construtivos e nos materiais cos que foron executadas.

A continuidade do seu valor cultural no presente fai necesaria a súa protección e conservación e, con frecuencia, require actuar sobre elas. Esas intervencións débense realizar despois do seu estudo e das análises precisas que atendan á consideración destas estruturas históricas como documento arqueolóxico e á estratigrafía da arquitectura como método de traballo previo a calquera alteración dos paramentos, así como a criterios de intervención consensuados, que non sempre se respectan, e ao mantemento de todos os seus valores, mesmo do social.

Este ano dedicamos a Xornada que organizan conxuntamente o Consello da Cultura Galega e o Museo de Melide ás pontes históricas. Neste encontro falaremos do significado histórico das pontes e da súa valoración social, coñeceremos as distintas tipoloxías das pontes históricas na Terra de Melide e a súa relación cos camiños reais e as rutas de peregrinación (Camiño Francés e Camiño Primitivo) e remataremos con dúas intervencións sobre a súa conservación, os criterios de consolidación e restauración aplicados dende a enxeñaría de protección e a metodoloxía arqueolóxica aplicada ao seu estudo e documentación.
Ficha técnica 
Xornada
A unha voz na metade do Reino
As pontes históricas
Cando
4 de decembro de 2025
Onde
Melide
Lugar

Museo da Terra de Melide
Praza do Convento, s/n
15800 Melide, A Coruña

Participante
Manuel Durán Fuentes
María del Mar López Cordeiro
Xosé M. Sánchez Sánchez
Cristina Vázquez Neira
Organiza
Consello da Cultura Galega
Museo da Terra de Melide

Imaxe da portada: Ponte de San Xoán de Furelos (Melide)