Documentación SocietariaCustodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.
Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
ALIANZA CÉLTIGOS, INCIO, CORBELLE Y SUS CONTORNOS
Xoves, 29 de xaneiro de 2026 consellodacultura.gal
Bos Aires, 20 de febreiro de 1926. O 9 de xaneiro de 1943 fusiónase con outras entidades lucenses para a creación do “Centro Lucense” de Bos Aires. O 25 de xullo de 1979 os chamados centros provinciais –"Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Coruñés" e "Centro Pontevedrés"– fusiónanse e nace o actual “Centro Galicia”.
O 20 de febreiro de 1926 un grupo de emigrantes lucenses reuniuse nun local da rúa Suipacha da capital arxentina para crear unha nova asociación de carácter recreativo e mutualista. Os socios fundadores foron Enrique Díaz, que sería o seu primeiro presidente, Eduardo Núñez, Manuel Díaz, Julio Martínez, José Lago, Luis López, Constantino Núñez, Casto Olmos, Antonio García, Benedicto Darriba, Manuel López, Rafael López, Demetrio Díaz, Casto Olivos e Vicente Rivas. Todos eran naturais da comarca de Sarria e, polo seu lugar de nacemento, chamaron a nova entidade “Alianza Céltigos, Incio, Corbelle y sus contornos”.
Na acta fundacional aparecían recollidos os fins principais da asociación: «a) fomentar el espíritu de sociabilidad entre los socios y sus familias, mediante actos y reuniones que por su orden y cultura sirvan de expansión y fraternidad a los mismos. b) velar por los asociados, prestándoles la ayuda moral y material necesaria, dedicando la mayor atención a los enfermos y desvalidos. c) dar conocimiento de nuestra institución a los conterráneos en Galicia, a fin de que sepan los que aquí emigren que en la capital de la República Argentina cuentan con la continuación de su hogar, que los recibirá fraternalmente y orientará facilitándoles trabajo y prestándoles la ayuda pecuniaria que necesiten».
A comezos da década dos 40 a situación do tecido societario da emigración galega na Arxentina estaba en pleno proceso de cambio: o remate da Guerra Civil trouxo cambios na corrente migratoria e tamén nas accións e prioridades da colectividade galega. Foi impoñéndose a idea –alentada na prensa por moitos dos seus persoeiros e dirixentes societarios–, da unión destas microasociacións: a existencia de tantas e tan pequenas entidades ía en detrimento das súas posibilidades de actuación a prol dos seus asociados. Comezou así unha política a favor da fusión das asociacións de carácter similar –ben por ámbito xeográfico ben por ter as mesmas finalidades–, para crear unhas sociedades con maior número de socios, máis fortes e eficaces nas súas actividades mutualistas e recreativas.
A Alianza, con poucos socios, colaboraba con outras entidades para a organización de diversas actividades recreativas coas que financiaban os seus fins mutualistas. E, tras varios intentos, in agosto de 1942 nomea varios delegados para debater a posibilidade da súa fusión coa “Sociedad Cultural Cervantes” (creada in 1929) e co “Centro Cultural Neira de Jusá” (1932). Para iso créase unha Comisión Pro-fusión que se reunirá ao longo de 1942. Paralelamente a “Unión Cultural de Lugo” promove in marzo dese ano unha convocatoria a todas as sociedades lucenses para que se fusionasen e fundar así unha gran entidade de carácter provincial, tal como fixeran os ourensáns e os pontevedreses. O 15 de outubro de 1942 doce asociacións lucenses (entre elas a Alianza) asinan un acordo de fusión e o 9 de xaneiro de 1943 nace oficialmente o “Centro Lucense” de Bos Aires, cun total de 1321 socios.
LIBRO DE ACTAS que recollen as reunións da COMISIÓN MIXTA «PRO-FUSIÓN» das sociedades “Alianza Céltigos, Incio, Corbelle y sus contornos”, “Centro Cultural Neira de Jusá” e a “Sociedad Cultural Cervantes”,no período: