NOTICIA

----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Alianza Céltigos

Libros de actas das xuntas directivas e das asembleas xerais de socios, libro de enderezos de asociacións de emigrantes galegos cos que manteñen correspondencia... son algúns dos materiais que o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) garda da sociedade de emigrantes chamada Alianza Céltigos, Incio, Corbelle y sus contornos. Hoxe non existe, foi fusionándose con outros centros ata ser unha parte do actual Centro Galicia. A historia desta entidade e dos seus documentos poden consultarse na rede no marco do proxecto Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega.

A historia da sociedade Alianza Céltigos, Incio, Corbelle y sus contornos responde ao arquetipo de sociedade de emigrantes, cuxos materiais se difunden como parte do proxecto “Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega” promovido polo Arquivo da Emigración Galega. Nesta ocasión, un grupo de emigrantes lucenses reuniuse nun local da rúa Suipacha, na capital arxentina, para crear unha nova asociación de carácter recreativo e mutualista. Era o 20 de febreiro de 1926. Todos eles eran naturais da comarca de Sarria e, atendendo ao seu lugar de nacemento, chamaron a nova entidade “Alianza Céltigos, Incio, Corbelle y sus contornos”.

Entre os fundadores estaban Enrique Díaz, quen sería o seu primeiro presidente; Eduardo Núñez, Manuel Díaz, Julio Martínez, José Lago, Luis López, Constantino Núñez, Casto Olmos, Antonio García, Benedicto Darriba, Manuel López, Rafael López, Demetrio Díaz, Casto Olivos e Vicente Rivas.

A sociedade creouse para dar apoio ás necesidades dos seus asociados, así como para a organización de actividades culturais e sociais que os conectasen co seu país de orixe. Tamén, como en moitos outros casos, a sociedade foise integrando con outras entidades a medida que descendía o número de socios. En agosto de 1942 nomeou varios delegados para debater a posibilidade da súa fusión coa “Sociedad Cultural Cervantes” (creada en 1929) e co “Centro Cultural Neira de Jusá” (1932). Para iso creouse unha Comisión Pro-fusión que se reuniu ao longo de 1942.

Paralelamente, a “Unión Cultural de Lugo” promoveu en marzo dese ano unha convocatoria a todas as sociedades lucenses para que se fusionasen e fundasen así unha gran entidade de carácter provincial, tal como fixeran os ourensáns e os pontevedreses. O 15 de outubro de 1942, doce asociacións lucenses (entre elas a Alianza) asinaron un acordo de fusión e o 9 de xaneiro de 1943 naceu oficialmente o “Centro Lucense” de Bos Aires, cun total de 1.321 socios.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Carballiño y su partido, a Liga Santaballesa de Educación e instrución, Progreso de Lanzós, El valle del oro, do Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.