A Galicia rexistrou en 2024 4.540 concertos de música popular e consolida a recuperación tras a caída da pandemia, aproximándose a niveis pre-COVID en número de eventos. Así o recolle o último documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega “A música popular en Galicia. Análise e perspectivas” que tamén indica que “case a metade das persoas que asistiron a concertos de música actual fixérono no contexto dun festival, unha proporción superior á estatal”. Tamén pon en evidencia cambios no comportamento da cidadanía xa que un “20,6% da poboación galega declara que viu algún concerto en liña no último ano”.
A situación da música galega aproxímase a niveis pre-COVID en número de eventos. Con todo, esa recuperación convive con sinais de volatilidade: a porcentaxe de concertos galegos sobre o total estatal estabilízase arredor do 3,8%, mentres que os datos de público e recadación non seguen unha progresión lineal. En 2024 cae o número de espectadores con respecto a 2023 e acada, ademais, o mínimo da serie en termos relativos (3,9% do total estatal), mentres que a recadación baixa un 22,3% fronte ao ano anterior. Ao mesmo tempo, o gasto medio por espectador sitúase en 12,3 euros, multiplicándose por cinco en 20 anos e igualándose ao valor medio de España.
Dos festivais aos eventos de pequeno formato
Segundo o documento, que combina recollida estatística, con investigación cualitativa a través dunha consulta ao sector, a música en directo medra, pero cunha estrutura sensible a cambios no consumo e potencialmente máis dependente dun número reducido de eventos de grande escala e do peso do formato festival. Ademais, as estatísticas dispoñibles describen unha parte significativa do directo, pero “poden infrarrepresentar a actividade de pequeno formato, gratuíta ou integrada en programacións locais, que tamén forma parte do ecosistema real”. Nese contexto, o documento recolle propostas o sector que demandan “instrumentos máis continuados no tempo, menos dependentes de convocatorias puntuais e cunha xestión máis áxil, que permitan planificar e consolidar proxectos”.
As enquisas de hábitos mostran unha valoración elevada da música en xeral e tamén dos concertos de música actual. A falta de tempo continúa como primeira razón para non consumir música e en Galicia gaña peso a falta de interese. Asemade, o prezo elevado dos concertos aumenta con forza dende 2019 e pasa a ser un factor salientable.
En Galicia, case a metade das persoas que asistiron a concertos de música actual fixérono no contexto dun festival, unha proporción superior á estatal. Isto indica capacidade de atracción e valor vivencial, pero tamén abre un debate sobre o equilibrio do ecosistema. Recoméndase “reforzar o tecido permanente (salas, circuítos, programación distribuída) sen desbotar o papel dos festivais, e de mellorar as condicións para que a concentración non debilite a escena de proximidade nin a renovación do talento”. O documento tamén recolle que “a expansión de grandes formatos —en ocasións con apoio público— pode contribuír a unha distorsión de prezos e expectativas, facendo máis difícil que o público valore o custo real da música en salas e circuítos pequenos” e avoga por “reforza a conveniencia de reequilibrar o ecosistema, coidando os formatos de proximidade e mellorando a mediación e a comunicación pública sen reducir a música a un produto turístico”.
A dixitalización xa é estrutural
A música escóitase maioritariamente a través do móbil e de equipos conectados a Internet. “En 2024–2025 un 20,6% da poboación galega declara que viu algún concerto en liña no último ano” reforzan as cifras ese cambio de comportamento. A compra de música segue a ser minoritaria e o soporte físico perde peso. En conxunto, os públicos sitúanse nun sistema híbrido de directo e consumo en liña, non necesariamente nun réxime “de produto” clásico. Con todo, os expertos enquisados “indican que se percibe como un terreo difícil de gobernar (plataformas globais, monetización complexa, datos opacos), ou como unha fronte secundaria fronte ás urxencias do directo e da sustentabilidade económica”.
A importancia da administración
O documento amosa unha serie irregular en Galicia de gasto público en música. Principalmente a través de Agadic con liñas e circuítos. Sobresae 2021, ano extraordinario asociado á reactivación e a fondos vinculados á crise e nos anos seguintes as cantidades para música diminúen. Con respecto ao apoio, “máis da metade das axudas recibidas no sector da música están en contías pequenas (menos de 3.000 euros) e a presenza de contías altas é menor ca na media doutros sectores culturais. “Isto pode lerse como capilaridade, pero tamén como insuficiencia para construír estrutura: equipos, distribución, tecnoloxía, internacionalización” recolle o documento. A recomendación do sector asegura no informe é “manter un nivel accesible para estruturas pequenas e crear instrumentos orientados á consolidación: axudas maiores ou plurianuais, apoio a salas e a proxectos con capacidade de arrastre”.
As condicións laborais do sector non son moi positivas, algúns indicadores aumenta o número de persoas contratadas e o saldo neto é positivo, mentres que o indicador de estabilidade laboral permanece baixo e as demandas de emprego en ocupacións musicais descenden moito desde 2020.
Ademais, o sector demanda unha axenda de acción institucional centrada na internacionacionalización (demandan unha liña estable e operativa que apoie a presenza en feiras e mercados, canda a instrumentos de apioio á mobilidade e aproveitar a lusofonía), a lingua (o sector considera que a música en galego non emerxe con centralidade e demanda un apoio claro e institucional e incorporar criterios lingüísticos nos contratos, subvencións e programación financiada) e a calidade da información e a gobernanza do apoio público, ao que lle demanda “máis previsión e continuidade, simplificación administrativa, coordinación e un maior equilibrio na distribución de recursos para evitar a concentración nunha minoría de proxectos”. Accións que buscan “consolidar un marco continuado de política cultural que reforce o tecido permanente, mellore a relación cos públicos e permita facer seguimento efectivo”.