Activismo, compromiso, feminismo, solidariedade, pacifismo, sororidade, sindicalismo, autenticidade, nacionalismo, antimilitarismo, identidade, amizade, inconformismo, ética, vitalidade, enerxía contaxiosa...; respecto á diferenza; loita polos dereitos, pola igualdade, pola lingua, pola xustiza, polos servizos públicos, pola liberdade; contra a manipulación informativa, contra todo tipo de violencias ás mulleres, contra a exclusión; viaxeira de mente aberta e ollos curiosos… Todos son trazos recorrentes para caracterizar a personalidade de Begoña Caamaño Rascado (Vigo 1964-Santiago de Compostela 2014), nun clamor colectivo que provén tanto dos diferentes artigos e notas con que un amplo abano de intelectuais galegos e galegas reaccionou con emoción, abraio e dor ante a morte prematura, coma da tamén densa marea de alegría e recoñecemento con que foi acollido o anuncio da Real Academia Galega, en xuño do pasado ano, comunicando a unha sociedade xa expectante que ela sería a personalidade homenaxeada na festa das Letras do ano que andamos.
Así comeza a introdución ao facsímile do Libro das amigas co que o Consello da Cultura Galega celebra a Begoña Caamaño, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026.