NOTICIA

----

Presentado o facsímile do Libro das amigas en homenaxe a Begoña Caamaño

Son 24 contribucións de diferente tipo que a contorna máis próxima a Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago, 2014) lle dedicou no primeiro cabodano. O libro das amigas é tamén a obra coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración do Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con Amanda Álvarez e Concha de la Fuente en representación do grupo de amigas, mais a irmá de Begoña, Bea Caamaño, presentaron a edición facsimilar no estoxo que conforma a Colección das Letras Galegas desta institución. “Non é a voz de Begoña a que contén o libro pero é Begoña a través do reflexo que nos devolven as amigas” apuntou Rosario Álvarez sobre a publicación, que tamén ten edición dixital e xa se pode descargar desde o web do CCG.

Cada ano, con motivo do Día das Letras Galegas, a institución rescata unha obra para honrar o legado da figura homenaxeada. Nesta ocasión escolleuse unha obra especial, editada inicialmente en 2015 por un grupo de amigas de Begoña Caamaño no seu primeiro cabodano. No limiar da publicación, a presidenta explica que “optamos por facilitar a achega á personalidade, pensamento e legado de Begoña Caamaño, non a través da súa propia obra, senón do reflexo que nos devolven os textos de dúas ducias de mulleres, da súa ampla contorna intelectual e emocional, que se ispen deixando abrollar sentimentos, lembranzas e emocións, aínda avaladas polo transo do seu pasamento”. Na presentación, a presidenta Álvarez destacou que a homenaxe dura todo o ano e, “aínda que o esforzo se fai arredor do 17 de maior temos previstas outras actividades”.


En representación das nove amigas que promoveron no seu momento a publicación, Amanda Álvarez explicou que no “libro das amigas hai artigos académicos, hai poemas… pero, sobre todo, hai moita emoción”. Ademais dela, participaron no libro Ana Romaní, Andrea Nunes, Bea Caamaño, Camiño Noia, Carmen Panero, Chus Nogueira, Faia Díaz Novo, Goretti Sanmartín Rei, María del Río, Mª Pilar García Negro, María Reimóndez, María Rúa, María Xosé Porteiro, María Xosé Queizán, Merce Teixeiro, Mercedes Queixas, Paula Carballeira, Pim Patinho, Rosa Martínez, Sesé Canitrot, Uxía, Xulia Alonso e Marica Campo. Aínda que non participou no libro pero si no acto de homenaxe paralelo, Concha dela Fuente apuntou que “neste libro comunitario que se lle chamou o libro géyser, está un pouco de todas aquelas persoas que rodeamos a Begoña”.
Ademais dos textos, inclúense catro entrevistas: unha ao fío da presentación de Morgana en Esmelle en Vigo; outra do programa de televisión Zigzag Diario; outra entrevista da Galega; mais a entrevista que lle fixo Manuel Vidal Villaverde no desaparecido xornal Galicia Hoxe. E, de peche, a carta que Begoña Caamaño lle escribiu á cantante Uxía Senlle antes de morrer e na que desexa “que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando eu xa teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo”.

“Activismo, compromiso, feminismo, solidariedade, pacifismo, sororidade, sindicalismo, autenticidade, nacionalismo, antimilitarismo, identidade, amizade, inconformismo, ética, vitalidade, enerxía contaxiosa...; respecto á diferenza; loita polos dereitos, pola igualdade, pola lingua, pola xustiza, polos servizos públicos, pola liberdade; contra a manipulación informativa, contra todo tipo de violencias ás mulleres, contra a exclusión; viaxeira de mente aberta e ollos curiosos” son algunhas das características da personalidade de Begoña que a presidenta do CCG destaca na publicación.

A Colección das Letras Galegas do CCG, impulsada por Filgueira Valverde, contén unha obra da figura homenaxeada – que varía en función da personalidade elexida - xunto cun estudo crítico nun estoxo numerado (nesta edición son 750 exemplares). Este ano contén un capítulo introdutorio co título “Panóptico Caamaño: O libro das amigas. Begoñísima, quam magna! ” elaborado por María Xosé Porteiro no que fai un percorrido polo amplo abano de idades, actividades, personalidades e fíos que se teceron arredor do que chama “cosmos Bego Caamaño”. Así mesmo, lembra que “tiña un carisma manifesto, mestura dun carácter engaiolante ao tempo que rexo, ideas firmes, capacidade expresiva, vontade de intervención no mundo onde vivía e, ao tempo, un marabilloso sentido do humor!”. Percorre os seus primeiros pasos profesionais no xornalismo en Vigo, a súa paixón pola música e o seu “implacable” compromiso político e sindical que fixo dela “un referente”. Sobre a obra, na que Porteiro tamén colaborou no seu momento, destaca o proceso artesanal, no que se xuntaron moitas mans: as ilustracións de Montse Amigo, o deseño de Uqui Permui, a ilustración de Leandro Lamas e máis colaboración. “Imprimiuse en Tórculo, sen editorial nin distribuidora nin pretensión comercial” recolle Porteiro.

Concerto das letras Galegas
Outra das activdades da institución para o Día das Letras Galegas é o concerto institucional que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo a través da web do CCG e o propio día das letras na segunda canle da Galega. O programa da 16ª edición do Concerto das Letras Galegas inspírase nos textos literarios e no labor xornalístico e radiofónico da autora homenaxeada. Trátase dun concerto composto por 14 pezas que transitan do íntimo ao festivo, no que Uxía Senlle rende homenaxe á memoria dunha das súas grandes amigas. Ao mesmo tempo, a proposta percorre tanto os gustos musicais de Begoña como aquelas composicións que acompañaron a súa traxectoria profesional. O concerto é de entrada libre e gratuíta.

Begoña Caamaño no Álbum de Galicia
Foi xornalista, sindicalista e activista comprometida co feminismo e coa lingua galega. Amanda Álvarez González é a autora da entrada no Álbum de Galicia na que a cualifica como “unha voz imprescindible no feminismo galego”. A entrada do Álbum de Galicia salienta a súa faceta como xornalista e activista sindical e política. Da súa traxectoria profesional destaca que estivo vencellada a varias emisoras de radio, como Radio Noroeste, Cadena COPE, Radio Popular ou a Radio Galega, onde desenvolveu programas no eido cultural e informativo. Foi correspondente da Axencia Galega de Noticias e colaborou con medios de prensa escrita como El Sol, A Nosa Terra, Novas da Galiza e Tempos. Formou parte de numerosas asociacións feministas e sindicais e foi unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas da Comunicación (MUGACOM). Activista incansable contra a violencia de xénero, a favor do aborto, o antimilitarismo, a insubmisión e a favor da lingua galega e a información en galego.

No relativo á súa carreira na creación literaria, compuxo letras para a cantante Uxía e María Fumaça e publicou dúas novelas: Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Este segundo título recibiu numerosos premios, entre os que salientan o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción da Asociación Galega de Editores. Nos seus derradeiros anos estaba escribindo dúas novas novelas, unha delas coa súa bisavoa como protagonista.