Especial - HIJOS DEL AYUNTAMIENTO DE ABADÍN, SOCIEDAD DE INSTRUCCIÓN Y PROTECCIÓN MUTUA. Xoves, 28 de maio de 2026

HIJOS DEL AYUNTAMIENTO DE ABADÍN, SOCIEDAD DE INSTRUCCIÓN Y PROTECCIÓN MUTUA

Memoria documental das sociedades da emigración galega

HIJOS DEL AYUNTAMIENTO DE ABADÍN, SOCIEDAD DE INSTRUCCIÓN Y PROTECCIÓN MUTUA

A Habana, 6 de xaneiro de 1922. Continúa a existir na actualidade.

Xoves, 28 de maio de 2026
consellodacultura.gal
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega

HIJOS DEL AYUNTAMIENTO DE ABADÍN, SOCIEDAD DE INSTRUCCIÓN Y PROTECCIÓN MUTUA

A Habana, 6 de xaneiro de 1922. Continúa a existir na actualidade.

consellodacultura.gal
Nunha xuntanza celebrada o 23 de outubro de 1921 na habaneira rúa Campanario un grupo de emigrantes naturais do concello lugués de Abadín decidiu crear unha asociación de instrución e protección mutua seguindo o modelo das moitas sociedades de emigrantes de ámbito microterritorial que se foran creando nas primeiras décadas do século XX alén mar.

Entre os seus fundadores podemos citar a Bernardo Aguiar, Aparicio Portela, Manuel Leal Otero, Saturnino Regueira e Florentino Vázquez quen será nomeado presidente provisional. A súa primeira tarefa foi difundir na prensa da colectividade a creación desta nova entidade para acadar o maior número de socios. Organízase con este fin unha comisión integrada por un delegado por cada parroquia do concello: Jesús Ferreiro Díaz por Labrada, Manuel Leal por Romariz, Antonio Díaz Pardiño por Fanoi, Magín Castiñeira Oseira por Abadín, José Cabado González por As Goás, Perfecto López Vidal por Candia, Bernardo Aguiar por Aldixe, Generoso Anido por Abeledo, José Val por Corvite, Aparicio Portela por Baroncelle, Generoso Hermida por Moncelos, Ramón Fraga por Castromaior e José Portela por A Graña de Vilarente. O 6 de xaneiro de 1922 nunha nova reunión quedou constituída a nova sociedade co nome de “Hijos del Ayuntamiento de Abadín”; fundación que foi referendada na primeira asemblea de socios o 20 de xaneiro dese ano. A súa finalidade principal era construír escolas no seu lugar de orixe, atendendo primeiro ás parroquias máis abandonadas e necesitadas «dado el lamentable estado de la enseñanza en nuestro querido pueblo». E, non menos importante, contemplaba a axuda mutua para os asociados necesitados ou enfermos.

En outubro de 1924 a directiva recibiu unha carta do alcalde de Abadín solicitando a súa axuda económica para a construción dun centro escolar no que se impartiría ensino primario aos nenos das parroquias de Candia e Goás. A resposta foi negativa aducindo que non contaban con capital suficiente para enviar a Galicia pois estaban centrados na axuda benéfica para os seus socios. Para obter máis ingresos, ese mesmo ano, aproba a creación dunha delegación en Matanzas, cidade cubana na que vivía un gran número de emigrantes naturais deste concello.

Nos vindeiros anos comeza a súa contribución efectiva na creación e mantemento de centros de ensino na súa terra natal: en 1926 financia a construción dunha casa-escola na parroquia de Romariz e envía varias remesas de cartos para o mantemento e compra de material educativo nas escolas de Carozo e de Campo dos Novos en Labrada.

Nos anos 40 cambia de obxectivos e aproba uns novos estatutos converténdose nunha sociedade recreativa e benéfica que tiña como fin principal «fomentar y estrechar la amistad entre todos sus asociados y prestar auxilios morales y materiales a los que de ellos hayan menester, de acuerdo con lo que autorice el Fondo de Beneficencia (...). Esta sociedad cooperará a toda causa común que tienda a realzar y dar buen nombre a la región gallega». En 1946 inaugura no Cemiterio Colón un Panteón social para uso dos e das súas asociadas.

E con estes criterios de axuda e apoio mutuo esta sociedade continúa a traballar na actualidade a prol dos seus asociados, a grande maioría descendentes deses emigrantes galegos que tanto ben fixeron pola súa terra de orixe.



Documentación da sociedade habaneira HIJOS DEL AYUNTAMIENTO DE ABADÍN que se pode consultar no Arquivo de Fondos do Consello da Cultura Galega:

- ACTA de CONSTITUCIÓN da sociedade (A Habana, 20 de xaneiro de 1922)

LIBROS DE ACTAS que recollen as reunións das XUNTAS DIRECTIVAS nos seguintes períodos:
- Libro número 1, do 23 de xaneiro de 1922 ata o 5 de novembro de 1930
- Libro número 2, do 19 de febreiro de 1931 ata o 14 de novembro de 1945
- Libro do 30 de xullo de 1960 ata o 22 de novembro de 1977
- Libro do 30 de xaneiro de 1978 ata o 26 de xaneiro de 1999
- Libro do 24 de marzo de 1999 ata o 23 de setembro de 2004

LIBROS DE ACTAS que recollen as reunións das XUNTAS XERAIS DE SOCIOS nos seguintes períodos:
- Libro número 1, do 20 de xaneiro de 1922 ata o 11 de decembro de 1930
- Libro número 2, do 18 de marzo de 1931 ata o 26 de decembro de 1945
- Libro número 3, do 21 de marzo de 1946 ata o 31 de maio de 1963
- Libro número 4, do 22 de maio de 1964 ata o 20 de novembro de 1979

REGULAMENTO SOCIAL aprobado o 3 de outubro de 1955

LIBRO DE REXISTRO DE SOCIOS (1946-1972)

DOCUMENTACIÓN relativa ao PANTEÓN SOCIAL no Cemiterio Colón:
- LIBRO REXISTRO número 1 (1946-2004)
- LISTADO de socios doantes para o remate das obras do Panteón (sen data)

PUBLICACIÓNS:
- MEMORIAS das actividades societarias correspondentes aos anos 1922 ata 1925 (A Habana, 1926)
 
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega
HIJOS DEL AYUNTAMIENTO DE ABADÍN, SOCIEDAD DE INSTRUCCIÓN Y PROTECCIÓN MUTUA
A Habana, 6 de xaneiro de 1922. Continúa a existir na actualidade.
Data de publicación
Xoves, 28 de maio de 2026
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)