NOTICIA

----

Subidos á rede fondos da sociedade de emigrantes “Hijos del ayuntamiento de Abadin”

Entre outubro do 1921 e xaneiro de 1922, un grupo de emigrantes naturais do concello lugués de Abadín decidiron crear na Habana unha asociación, seguindo o modelo de moitos emigrantes que foron creando sociedades alén mar nas primeiras décadas do século XX. Chamáronse “Hijos del ayuntamiento de Abadín” e máis dun século despois continúa activa. Material desa sociedade sóbese hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Un material para por en valor estes fondos documentais e ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

Os materiais que se soben nesta entrega permiten coñecer a traxectoria e a evolución desta sociedade. Naceu logo de que un grupo de emigrantes creasen una comisión formada por delegados dos concellos de Labrada, Romariz, Aldixe, As Goás, Candia, Aldixe, Abeledo, Corvite, Baroncelle, Moncelos, Castromaior, Vilarente coa finalidade de xuntar o maior número de socios. Foi o 6 de xaneiro de 1922 cando se constituíu a sociedade co nome de “Hijos del Ayuntamiento de Abadín”; referendada na primeira Xunta Xeral de socios o 20 de xaneiro dese ano.

Nela figura tanto a acta de constitución da entidade (do 20 de xaneiro de 1922), libros de actas das reunións das xuntas directivas, regulamentos, libro de rexistro dos socios (entre 1946-1952) e documentación relativa ao panteón social no cemiterio Colón. Con elas pódese coñecer que a finalidade desta sociedade, como tantas outras do mesmo perfil, buscaban “construír escolas no seu lugar de orixe”. O labor asistencial e de axuda mutua para os asociados necesitados ou enfermos foi outro dos piares nos que se asentou a sociedade.

Entre o material que se pode consultar nesta entrega, destaca unha carta do alcalde de Abadín enviada en 1924 solicitando a súa axuda económica para a construción dun centro escolar no que se impartiría ensino primario aos nenos das parroquias de Candia e Goás. A resposta foi que aínda non contaban con capital suficiente para enviar a Galicia xa que estaban centrados na axuda benéfica para os seus socios. Para obter máis ingresos, ese mesmo ano apróbase a creación dunha delegación en Matanzas, cidade cubana na que había gran número de emigrantes naturais deste concello. Tamén se pode seguir a través da documentación, como se foi creando e mantendo de centros de ensino na súa terra natal: en 1926 financia a construción dunha casa-escola na parroquia de Romariz e envía varias remesas de cartos para o mantemento e compra de material educativo nas escolas de Carozo e de Campo dos Novos, en Labrada.

Dúas décadas despois da súa creación, pasou a ser unha sociedade recreativa e benéfica co obxectivo principal de, segundo os novos estatutos, “fomentar y estrechar la amistad entre todos sus asociados y prestar auxilios morales y materiales a los que de ellos hayan menester, de acuerdo con lo que autorice el Fondo de Beneficencia (...). Esta sociedad cooperará a toda causa común que tienda a realzar y dar buen nombre a la región gallega”. De aí deriva a construción dun Panteón social para uso dos e das súas asociadas no Cemiterio Colón.

O especial tamén indica que “con estes criterios de axuda e apoio mutuo esta sociedade continúa a traballar na actualidade a prol dos seus asociados, a grande maioría descendentes deses emigrantes galegos”.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega.
A divulgación desta selección de fondos é de periodicidade mensual: en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.

Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Alianza Céltigos, Incio; Corbelle y sus contornos; Carballiño y su partido; a Liga Santaballesa de Educación e Instrución; Progreso de Lanzós; El Valle del Oro; do Centro Galego de Lisboa; das sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia, Hermandad Gallega de Venezuela ou da sociedade cubana Hijas de Galicia, entre outros.