Documentación SocietariaCustodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.
Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Hijos de Lorenzana, Sociedad de Beneficencia y Cultura
“Fomentar la amistad entre todos los hijos de aquel Término Municipal y aumentar y difundir la enseñanza entre todos los niños de ambos sexos por medio de las escuelas de instrucción elemental”. Estes son os obxectivos que motivaron, en abril de 1911, a un grupo de emigrantes orixinarios do concello lugués de Lourenzá a fundar a “Hijos de Lorenzana. Sociedad de beneficiencia e cultura”. Materiais que axudan a entender a traxectoria desta entidade súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Un especial para por en valor estes fondos documentais e ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.
A acta de constitución (1911), libros de actas, regulamentos, libro de rexistros dos socios, a certificación do rexistro de contribuíntes e a patente fiscal -licencia para exercer actividade económica- son algúns dos documentos que se soben á rede e que permiten trazar a historia desta entidade que aínda permanece activa.
O especial que acompaña esta documentación explica que a entidade recadaba fondos “a través da organización de distintas actividades sociais”. Das catro escolas de ensino primario nas parroquias de San Xurxo, Santo Adrao, San Tomé e Santa María de Valdeflores, que tiñan proxectadas, finalmente só levaron a cabo a creación das escolas as dúas primeiras, ambas inauguradas en 1928. O especial constata que “os veciños non foron meros espectadores, senón que cederon terreos e carrexaron materiais para a súa construción”. Na súa acción tamén fixeron outras actividades como “a compra dun reloxo para o campanario da igrexa de San Salvador ou a construción en 1930 do seu panteón social do Cemiterio Colón.
Hoxe segue activa baixo o nome “Sociedad Benéfica y Cultural Hijos de Lorenzana” e participa en diversas actividades festivas e conmemorativas como as festas patronais do Conde Santo ou a colocación de ofrendas florais no Cemiterio Colón.
proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega.
A divulgación desta selección de fondos é de periodicidade mensual: en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Hijos del Ayuntamiento de Abadín, Alianza Céltigos; Corbelle y sus contornos; Carballiño y su partido; a Liga Santaballesa de Educación e Instrución; Progreso de Lanzós; El Valle del Oro; do Centro Galego de Lisboa; das sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro ou de Casa de Galicia, entre outros.