Seara. Descobre a literatura galega a través dos seus textos Difusión
María X. Queizán, María Mariño, Anxo Angueira, Manuel Lourenzo
Martes, 29 de setembro de 2026consellodacultura.gal
Difusión
María X. Queizán, María Mariño, Anxo Angueira, Manuel Lourenzo
consellodacultura.galMaría X. Queizán, María Mariño, Anxo Angueira, Manuel Lourenzo
Seara. Descobre a literatura galega a través dos seus textosO Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto “Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos”. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño. Conta tamén cunha remodelación do seu deseño que facilita o acceso aos contidos e posibilita a lectura comparada.
Esta nova xeira inclúe relatos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño, traducidos ao inglés por Kathleen March, Jonathan Dunne e Jakob Rogers. Voces masculinas e femininas, así como textos clásicos xunto con outros máis contemporáneos, completan este repositorio que medra anualmente. Algúns dos textos pódense escoitar nas voces de Luis Iglesia e Nora Abad.
A escolma conta con María Mariño Carou (1907-1967), homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2007. Desta autora, «pouco prolífica, de versos delgados e sosegados que expresou unha forte ligazón coa súa terra», en palabras da coordinadora editorial do proxecto, Kathleen Nora March, preséntanse textos das obras Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990).
Entra tamén nesta entrega o prolífico Manuel Lourenzo (1943-2025), que deixou arredor de 150 obras de teatro. A tradución que se presenta é a súa Medea dos fuxidos. “Seara inclúe este texto como homenaxe ao autor, que ten unha ampla traxectoria”, apunta a coordinadora.
Lourenzo foi fundador do pioneiro grupo Teatro Circo e da Compañía Teatral Luis Seoane. Con Francisco Pillado codirixiu os Cadernos da Escola Dramática Galega e asinou algunhas obras de consulta imprescindibles, como o Dicionario do teatro galego (1987). Xogou un papel chave na renovación, no impulso e na posta en valor do teatro galego.
Anxo Angueira (1961), ademais de ser coñecido pola súa narrativa (Pensa nao, en inglés Listing Ship) e polo seu traballo como presidente da Fundación Rosalía de Castro, é tamén crítico literario e poeta. Nesta ocasión preséntanse poemas do libro Palmeiras, piueiros, obra que retrata con insistencia o ambiente de loita e solidariedade dunha historia inesquecible.
“As relacións intertextuais que Angueira establece entre diversos temas relacionados coa resistencia política internacional, así como as referencias literarias e á música contemporánea, son o fío que entretece os seus versos. E a base da súa creación poética é o lugar de Manselle, no seu concello natal de Dodro, berce dun galego extraordinariamente rico”, explica Kathleen Nora March.
Pecha esta edición María Xosé Queizán (1939), matriarca do feminismo galego, que figura co ensaio fundacional Recuperemos as mans, traducido a dúas voces. Segundo Kathleen Nora March, “a súa presenza en Seara é tamén unha forma de recoñecer o constante traballo de Queizán por forxar contactos entre a literatura galega e a doutros países, como se ve nos materiais publicados ao longo da andaina editorial da revista Festa da Palabra Silenciada”.
Sobre o proxecto
No Día Internacional da Tradución de 2023, a presidenta, Rosario Álvarez, e a coordinadora deste proxecto, Kathleen March, presentaron publicamente este proxecto web que xunta textos literarios coas súas correspondentes traducións inglesas. Un proxecto colaborativo que tomaba o seu nome da paisaxe tradicional galega, xa que a seara, ampla extensión de cultivo de cereal para a que se romperon terras de monte pouco produtivo, eran traballadas comunitariamente por diferentes familias que participaban con cadansúa leira.
Daniel A. Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Eduardo Pondal, Claudio Rodríguez Fer, Emma Pedreira e Luísa Villalta son os autores cos que comezou este proxecto ao que en 2024 se sumaron tres novas figuras como Chus Pato, Otero Pedrayo e Rafael Dieste. En 2025 actualizouse con relatos de Ánxel Fole, Marica Campo, Xela Arias e unha escolma de cantigas traducidos ao inglés por Kathleen March, Jonathan Dunne e Harriet Cook.
Kathleen Nora March e Dolores fVilavedra son as coordinadoras deste proxecto para o que se constituíu en 2022 unha comisión técnicas temporal formada por Neil Anderson, Óscar Cardoner Sebio, Jonathan Dunne, Ana Luna, Erin Moure, Keith Payne, Jacob Rogers e Rocío Viéitez Ferro. Todos eles profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da tradución que validan os nomes e os contidos que se incorporan.


