Arquivo da Emigración GalegaEn 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede, no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, os 209 exemplares editados de “El Heraldo Gallego”, publicados en Arxentina entre 1925 e 1932.
Baixo o subtítulo "Órgano de las colectividades Gallegas en el Plata", El Heraldo Gallego presentábase en 1932 como "el periódico gallego de mayor circulación en la Argentina y el Uruguay". De periodicidade semanal, aparecía os domingos e tiña a súa redacción e imprenta na rúa San José, 236, de Bos Aires. A publicación, de carácter bilingüe e con predominio do castelán, reservaba o uso do galego principalmente para as colaboracións literarias.
O xornal prestaba unha atención destacada á actualidade galega, que ocupaba unha parte importante das súas páxinas a través de seccións como "Galicia al día", "Noticias de Galicia" ou "Noticias de la Región". Ao mesmo tempo, daba conta da realidade da emigración no Río da Prata, con información sobre as actividades das sociedades galegas e das comunidades asentadas en diferentes localidades, recollida en espazos como "Nuestras Sociedades", "Páginas Uruguayas" ou "Noticias de Rosario".
A cabeceira contou coa colaboración de destacados nomes da cultura e do xornalismo galegos, entre eles A. Pérez Lugín, Avelino Rodríguez Elías, Galo Salinas, Isaac de Montenegro, Manuel Murguía, Antón Villar Ponte, Antonio Noriega Varela, Basilio Álvarez e Fortunato Cruces, entre outros. As súas páxinas incluían tamén artigos sobre Galicia e a súa cultura, textos literarios e información sobre a actividade das entidades da colectividade emigrada.
As edicións extraordinarias, especialmente as publicadas con motivo do Día de Galicia, tiñan unha especial relevancia. Fronte aos números ordinarios, que incorporaban poucas ilustracións, estas entregas especiais ampliaban a súa extensión e incluían fotografías, debuxos, viñetas e unha maior presenza de publicidade comercial e de entidades da emigración.
O “Repertorio da prensa da emigración galega”
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o “Repertorio da prensa da emigración galega”, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG. Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse os tres exemplares editados de “A Irmandade”, a revista socio-cultural da Hermandad Gallega de Venezuela publicados entre 1993 e 1994; novos exemplares de Cultura Proletaria, Vida Gallega editada na Habana, 46 números novos de El El despertar Gallego, cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza e o xornal TEO; ou 155 números da publicación semanal, Galicia, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina