Persoa: Xosé Neira Vilas

Persoa: Xosé Neira Vilas [6]

Data Material Ver
Data Material Ver
1960-04-24
Carta de Neira Vilas a Seoane. 1960
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:] José Neira Vilas.

Transcripción da Carta de Neira Vilas a Seoane. 1960 en 24/04/1960

Buenos Aires, 24 de avril do 1960

Sr. D.
Luis Seoane
Madrid

Querido amigo:

Recibín antonte a súa moi grata, datada en Venecia. E co-ela o dibuxo prá tapa do meu livro. É magnífico! Axeitadísimo! E nises cores –azul e laranxa– vai quedar precioso. Mañán entrégame a proba o grabador. Francamente, non sei como xuntei audacia para irlle co-ista nova canga... Pero xunteina, e vostede, xeneroso e traballador, atendeu coa habitual xentileza a miña teima. Estoulle outamente agradescido.
Logo da primeira carta, da que vostede mencioa, escribinlle outra (tamén a Basilea, naturalmente), porque aquela, despois de pórlle franqueo de certificada, guindeina distraído no buzón. Si é que lle chega, pois, non faga caso dela. Ten data 13 de avril.
Eiquí lembrámolos arreo. Inda hoxe, Anisia e mais eu, logo de escoitar Galicia emigrante parolamos sobor das utilísimas e inéditas ouservacións súas por Europa en relación con Galicia (o museo de Basilea, o de Lisboa, algunhas fachadas de Suíza, o livro de Tavares Rodrigues –que eu non coñezo–, etc.) Ogallá vostede se decida cando volte a escribir e pubricar un libro que recolla todas isas agudas esperencias.
Chegouse a Peña cultural gallega Rosalía Castro, en Rosario. Asistín á súa fundación e pronunciei unha confrenza sobor A cultura galega na hora aitual. Son cuase todos arxentinos de orixen galego. Están ben ourentados. Teñen un periódico mensual (Aquí Galicia) do que vai saír xa o 2º número.
Onte estivemos Anisia, eu e o e embaixador de Cuba no Teatro del Pueblo. Falando de vostede con Barletta, da súa obra diversa, díxome que non perdía o mentes de poder levar a escea La soldadera. Quedei en levarlle mañán El irlandés...
E por hoxe, non lle dou máis lata.

Nosas garimosas lembranzas prá señora Maruxa e vostede reciba unha forte aperta do seu invariábel amigo:

José Neira Vilas


1961-02-02
Carta de Neira Vilas a Seoane. 1961
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:] Follas Novas / Distribuidora del Libro Gallego / Asunción 3035- Tlf. 53-9830- Buenos Aires.

Transcripción da Carta de Neira Vilas a Seoane. 1961 en 02/02/1961


Buenos Aires, 2-2-1961

Querido Seoane:

Xa vostede sabe que son pouco espresivo, e que persoalmente, talvez, non lle houbese dito nada. Pero teño que manifestarlle, anque sexa probemente, con catro palavras esquirtas a miña fonda gratitude polo traballo que vostede fixo pra audición radial do C. Lucense, a propósito do meu livro. Nel verqueu conceitos que, talvez, me queden grandes. Son verbas de amigo –que moito me honra por selo–, pero ó mesmo tempo, verbas graves, sempre sinceiras, que comprometen o meu futuro e xa inevitábel quefacer literario e cívico. Tratarei de non defraudalo.
Coido terlle dito que desboto os comprimentos de rotineira, con dentes regañados e corazón frío. (E neso creio semellarme a vostede). Por eso, logo de escoitar o seu comentario, i eludindo o anacrónico moitas gracias, quero, si, decirlle que entrou até o cabo dos máis sutiles resortes sicolóxicos nos que percurei asentar ó protagonista, así como na realidade social en que este se desenvolve. Anque debo engadir que non me solprende en demasía esa perceición, pois xa tiña testemuño anterior dela no esceicional dibuxo que sirve de amplo cancelo ás Memorias.
E namais... por hoxe.

Seu devote e leial amigo

Xosé Neira Vilas


1968-04-03
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1968
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]

Transcripción da Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1968 en 03/04/1968


3 de abril do 1968

A Maruxa e Luis Seoane
Bos Aires

Queridos amigos:

Escribinlles fai tempo, vía O Castro. Anque non souben de vostedes direitamente, teño noticia do seu quefacer. Viaxes, esposiciós (teño diante o catálogo da coleitiva de Quixote, que me mandou Isaac). Vexo cada tanto mostras do seu arte, pequenas mostras que son unha síntesis refrescante dese seu longo e intenso e maduro andar (Galicia Hoy, Viaje a Sargadelos, Antoloxía de Castelao, pra falar soio de tapas; e eses murales de novo estilo como os que aparecen en Galicia Hoy). En veces, revolvendo en librerías de lance daquí, poden verse dibuxos seus, tapas súas, e un alédase, naturalmente, coma se batese co autor na rúa. Vai pra sete anos que non os vemos. Lémbrome daquela noite no restaurante de Cangallo ou Sarmiento, non sei ben, onde nos agasallaron uns cantos amigos de certo. Laxeiro recitou en checo, e Maruxa cantou A miña burriña, etc., que Anisia adeprendeu moi asentada e inda repite cada tanto. Era o 28 de xunio, data galega moi sinalada, e tamén por eso a lembro.
Souben por Isaac desa esposición de homaxe ó Che; da formidábel interpretación de vostede no seu lenzo; dos vinte minutos que durou todo, en fin. Quixera facer algo sobor deso, e quixera, sobor de todo, dar conta á Comisión de outo nivel creada pra perpetuar a memoria deste home eistraordinario (a quen tiven o privilexio de tratar), a que recolle tódolos feitos e homaxes que se lle rinden. Podería mandarme (a través de Isaac) catálogo –de habelo–, e onde non, nomes dos artistas participantes, sala, data en que se celebrou, etc. E se é posíbel, unha fotografía do cadro de vostede.
Dime tamén Isaac que vostede se ocupou da miña noveleta Camiño bretemoso na audición galega que escribe. Sería moito pedir que me mande unha copia do texto? Hei de agradecerllo, pois a súa opinión intrésame particularmente (metinme con Bos Aires, a Patagonia, etc. de anos atrás e non sei que pensará vostede de tal empresa, arriscada, por certo). De camiño (e tamén se non é pedir demais) prégolle que me mande o comento, tamén radial, que –dixéronme– fixo arredor do meu libriño de contos tiduado Xente no rodicio. E disculpen tanto pedir...
De nós tería tanto que decir... Vivimos esta esperencia histórica, día a día, que é unha formidable escola; escola até nos erros, nas cousas que, ás veces, saen tortas. Polo demais, somos milicianos, labregos por tempadas, xornalistas, un pouco de todo según as necesidades e as circunstancias do momento. Como trafego constante, Anisia escribe pra nenos (radio, teatro infantil, algo de biografías e traballos de divulgación –un xeito de monografías breves) no que é cuase unha especialista. Eu, no Ministerio de Industria Básica, na Direición de colaboración técnica (protocolos de colaboración, orgaísmos internacionales, etc.) e parellamente xornalismo en veces, cando teño tempo. Tamén –talvez por contaxio con Anisia– escribo ás veces pra pequechos. Pubricouse meu En el zoológico (libriño pra pequerrechos de 4 anos) e está no prelo Aventuras de juguetes (6 contos pra o mesmo nivel, co que compartimos o segundo premio nun concurso Anisia e eu alá polo ano 65); en fin, algunhas cousas máis, e por suposto sigo a escribir en galego, pois eso é consustancial coa miña vida. Teño feito algo máis e moito proieitado que se irá cristalizando. Eso, en poucas palavras, é o que podo decir como resume da nosa andaina por estas terras (non tan quentes como se di: 12-28 grados).

Agardo, pois, novas de vostedes a través de Isaac. Entramentras, reciban os dous cariños de Anisia e unha aperta de

X. Neira Vilas


1968-06-15
Carta de Seoane a Neira Vilas. 1968
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Neira Vilas. 1968 en 15/06/1968


Buenos Aires, 15 de xunio de 1968

Sr. D. Xosé Neira Vilas
Habana

Meu querido amigo:

Fai anos que tiña de escribirlle. Debín facelo moitas veces. Unha delas cando recibín un recorte dun diario ou revista adicado a min, e onde vostede deixouse levar pola amistade pra facer eloxios da miña laboura. Outras vegadas cando, ó meu turno, e moi xusticieiramente, teño escrito sobre vostede pra Galicia emigrante con motivo sempre de libros. Mais eu son un vago e tardo moito en escribir unha carta. Como tódolos vagos, perdo moito tempo e pra unha carta materialmente escrita nun intre calquera fun esquecendo dúceas delas que matinei nas horas máis inconcebibles que no meu pensamento tiñan xa forma de carta e nas que se decían ó meu parecer, cousas interesantes. Mais esquecidas logo. A vostede xa lle teño remitido un tomo de moitas páxinas, tantas matinei en todos estos anos. Téñolle falado de todo o que interesarlle a vostede e interésame a min, de arte, de política, de Galicia, da coleitividade deiquí, de libros, dos intelectuales galegos, das xentes galegas en xeral... Faleille do que fixen en tantos anos, moitos cadros, exposiciós, álbumes, viaxes, novos murales... todo o que un vai facendo impaciente, con présa como mascando chicle tontamente pra queimar enerxías e imprimirlle un senso á propia vida, ou tratando de descubrir cal é ise senso, com a pode xustificar un si pode xustificala. A vostede pregunteille polos traballos que facían Anisia e vostede, polos que tiñan feitos ó chegar, por tódalas espranzas que vivimos xunto eiquí encol do porvir dese país i, en xeral, de tódolos pobos, por todo aquelo que nos incumbe máis fondamente. Unha ou dúas vegadas puiden ter ido a esa e por diversas circunstancias, traballo, non cheguei a ir. Non sei si voltarei a ter outra oportunidade.
Galicia foi pra min en algús aspeitos unha decepción. A frase dita máis acotío polas xentes da miña xeneración é “xa vamos vellos...”. Eu non tiña pensado endemais na edade como unha cárrega deica o ano 60 en Galicia. Todos repetían, “xa vamos vellos...” i eu, probe de min, non o estaba entón e sigo sin notalo e traballo tratando de millorar no que fago, inventando ou tratando de inventar novos medios de eispresión, como fai moitos anos, cando colgaba os meus dibuxos na parede do Café Español de Santiago, tratando agora de facer en Galicia algo novo, acompañado a Díaz Pardo, que tamén esquece o tempo no traballo. “Xa vamos vellos”, parecía ser a divisa de Galicia no ano 60. No 68, xa todo cambiou, eisiste unha espranza, bulen os mozos e os que se sentían vellos entón teñen oito anos máis e levan camiño de momificarse. En xeral, con eisceciós, as xentes da miña xeneración son en Galicia moi vellas e teñen o medo a todo dos vellos. Medo a que un aire ou calquer cambio os mate. Lévome ben con todos, mais non podo falar con eles de aitualidade. A carón deles envellezo repentinamente e lembramos o pasado i estou a punto de decir como eles, “xa vamos vellos...”, e ficar sin espranzas, sin urxencia, sin respostas, perdida a fe. Mais todo está cambiando tamén en Galicia e moita xente moza está renovando as mentalidades detidas no tempo. Estanse facendo cousas interesantes e destacándose xentes novas de verdadeiro valor que a un danlle polus pra o traballo. En Buenos Aires, xa vostedes saben. Medra eistraordinariamente o movimento cultural, hai máis concertos, máis teatros, máis cines, e pra cuestiós de arte hai unhas setenta galerías. Faltan outras cousas tan importantes como istas, tódalas que vostedes coñecen. En canto á coleitividade millor é non falar. Eu estou arredado. Agora van facer uns xogos florales, con raíñas e frores naturaes, como é lei, patrocinados pola Academia Galega e as entidades máis importantes da coleitividade, excluíndo o Centro Galego. Os mentores son Valentín Fernández e penso que Regueira, e os cartos ponos M. Puente. Valentín Fernández é agora o inteleitual dos centros provinciales. Eu propuxen que en lugar dos xogos florales fixesen un torneo, tamén lembrando o medioevo, a lanza i espada, con armaduras, nun campo de fútbol, de Boca ou de Racing, por exempro, entre dous calesquera nemigos. Non me fixeron caso e, non embargantes, penso que tería maior expectación que os cantos a Galicia, á muller galega, etc. Ben, isto é todo por hoxe. Do meu traballo non teño moito que decire. O 1º de xulio inauguro unha grande eisposición retrospectiva, 120 cuadros, de 1948 a 1968. Iste ano xa fixen dúas eisposiciós, unha no Museo de Bonn i outra eiquí. O ano pasado fixen tres en Alemania e unha en Madrid. Tamén escribo algo. Traballo. Non sei si esta carta ten algún intrés pra vostedes. Mais por ista vez, non a deixo soio pensada. En todo caso, os lembramos, que os queremos moito, que ficamos convencidos que calquer día voltaremos a coincidir en calquer cibdade. Nós, de algún xeito, sempre sabemos de vostedes. Procuraremos no porvir enviarlles noticias nosas. Réstame decirlle a sorpresa que Maruxa i eu tivemos coa adicatoria de Camiño bretemoso. Non sabemos como agradecela. Emocionounos fondamente. Moitas gracias.

Unha grande aperta de:

[Seoane]


1973-11-11
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1973
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]

Transcripción da Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1973 en 11/11/1973


Habana, 11-11-73

A Maruxa e Luis Seoane
Coruña

Queridos amigos:

Onte recibimos carta de Isaac, e por ela soupemos do malfadado acidente. Non poden maxinar canto o lamentamos. Anisia e mais eu estivemos a cavilar arreo en vostedes, a falar de vostedes. Dinos Isaac que Maruxa vai ben, pero que Luis crebou unha perna e unha man –as dereitas– amais doutras lesiós. Esto ten que ser pra vostede, Luis, algo tremendo, non somente polo que representa en molestias unha recuperación desta índole, senón tamén por a súa dinámica, polo seu quefacer constante, por ese traballar sin descanso tendo que agora aturar unha inmovilidade seguramente prolongada. Esto debe ser torturante. En fin, busquemos a parte boa do lerio: un aicidente desta magnitude poidera ter sido fatal (penso en Aníbal Ponce, en Camus, en Martín Santos...) e por fortuna non o foi. Viven! Témolos! Uns trastazos, duros de curar, pero que sabemos que curan, que é cuestión de unhas semáns de paciencia. A vida soe gardarnos esas solpresas, eses contratempos, pero o caso é que siga sendo vida. Ánimo, amigos.
Fai uns quince días chegoume de Galaxia Comunicaciós mesturadas. Estupenda coleición. Eu lémbrome de cando vin na casa de vostedes unha carpeta de anillas, de cuberta negra onde tiñan estes editoriales (ou como se chame) da audición Galicia emigrante (craro que esto foi alá polo 60 e dende entón escribeu moitos máis) e falamos da posible edición, pois eu que os escoitaba domingo tras domingo estaba entusiasmado co seu valor documental. Ratifico o mesmo entusiasmo agora que os vexo (a seleición que escolleu) en libro. Felicítoo por esa decisión. De seguro que o libro sobre Montenegro, o aventureiro aquel de fins do século XIX. Eu tiña lido o artigo de Vilanova e tiña engadido algús datos que se non consignan como é o de que en 1892 dirixeu na Habana un semanario tiduado La Voz de Galicia e que El brujo estaba dibuxado enteiramente por el (tiven fai poucos días exemplares de ambos nas miñas mans). Estes son detalles para engadir, pois o que di vostede e o que di Vilanova é amplísimo. Outro detalle: o cadro de Brocos La defensa de Lugo, coido que si, que houbo unha iniciativa de donación por parte do Centro Galego, pero non chegou a donarse, e inda fica no palacio do dito Centro, hoxe estinguido, sede da Sociedad de Amistad Cubano Española, onde hai outras obras. Algún día ampliarei un chisco este formidable traballo seu (eu case non sabía quen era Brocos) engadindo, por exemplo, canto pagou polo cadro o Centro Galego cando o mercou, etc. O cadro ocupa un lugar de preferencia no vestíbulo central, baixo o escudo de Galicia. Consérvase ben anque un destes días vou ir por alí con un profesor de artes plásticas e escultor amigo pra ver de analizar o seu estado detidamente, e tamén de outras obras (un retrato de Rosalía, outro de Concepción Arenal, Pastor Díaz, W. A. Insua).
De Galicia, mandáronme (Alonso Montero) a Figuración feita por vostede da miña persoa, pubricada en La Voz de Galicia. Gárdoa con agarimo, por ser de vostede a quen –fai falla repetilo?– aprecio e respeto fondamente. Hónrame moito as súas palabras alí verquidas. Palabras que sei son sinceiras; palabras de amigo.
Lémbrase da esposición de 1960 sobre o periodismo galego na Arxentina? Pois acabo de montar (agosto pasado) unha sobor do de Cuba, moito máis ampla aínda (mentras en Bos Aires abundan as revistas de sociedades, aquí destacan as revistas e semanarios independentes). Tomei, pra a crónica que escribín, unhas palabras súas porque resultan moi axeitadas. Vai recorte coa presente.

Namais. Que se poña ben axiña. Apertas fraternas ós dous, de Anisia e

Xosé Neira


1974-09-27
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1974
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e correccións manuscritas]

Transcripción da Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1974 en 27/09/1974

Habana, 27 de septiembre do 1974

A Luis Seoane (e a Maruxa)
Buenos Aires

Queridos amigos:

Chegou Luis López, o da UNESCO. Encantado das atenciós de vostedes, da vosa cordialidade. Luis é un rapaz de moita valía. Xa estivera aquí cinco anos atrás con Ramón Chao, o xornalista galego de Triunfo e de La Voz de Galicia, que escribe dende París. Ramón sustitueu a Luis no trafego que este tiña na Radiodifusión francesa. Faloume Luis de que están vostedes ben; aledámonos certamente. Falamos moito da obra de vostede. Amostreille libros de tapas, monografías, poesía, todo. Falamos da súa radical postura, do seu enorme labor editorial, de Galicia emigrante, das empresas culturales galegas xeneradas por vostede. Luis é do Bierzo e ten moita afinidade con Galicia. Díxome que lle tiña deixado un disco do Amancio Prada con poemas en castelán e galego musicados e cantados por el (por Amancio, craro). Aquí pasamos todas as canciós por La voz de España, audición semanal na que se fala moi seguido de Galicia.
Luis tróuxome tamén un álbum precioso. O álbum que vostede nos ousequia (dunha edición tan breve e siñificativa; en breve quixen decir, de somentes 40 exemplares) de Intentando golpear ideas, esa serie de formidables, siñificantes grabados que refrexan, con arte de moita calidade –como é o arte de vostede– un tema moi de sempre e moi aitual (e pra vostede moi sentido porque nesas xeiras andivo nos tempos mozos) como é o das loitas estudiantiles. Aitualísimo prólogo, orixinal espresividade a destes grabados que realmente golpean ideas coa súa vital presencia, co seu movimento. Gracias por este singular agasallo e pola fervorosa, fraterna, adicatoria. Orgulosos estamos de poseer esta xoia, editada por esa nova empresa, de curioso nome que é Cuco rei. É vostede un creador desbordante, inagotable.
De nós, nada novo. Anisia a escribir pra nenos. (Gañou meses atrás o Premio Nacional de Literatura (narrativa pra nenos) da Unión de Escritores de Cuba polo seu libro Los cuentos del compay Grillo, que incruie un viaxe pagado a un país socialista). E eu, sempre escribindo algo en galego, facendo algo de xornalismo literario aquí, e rexindo a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Agora estamos adicándonos moito ós índices de publicaciós galegas de Cuba (publicaciós que cheguei a catalogar un total de 62 tiduos, que non é pouco). Por certo, sería bo que o Instituto Argentino de Cultura Galega fixese trafegos similares, digo eu. Índices de publicaciós galegas da Arxentina. Penso na utilidade de Índices de Galicia emigrante e de Céltiga, por exemplo.
Non soupen máis do Ramón Temes. Dixo que viría outra vez a Cuba, pero, se veu, non soupen, e supoño que, se tivese vido, visitaríanos. Déanlle nosos saúdos.
Namais por esta vez. Agarimos de Anisia. Agarimos aos dous. Gracias por todo, en primeiro lugar, por esa amistade consecuente, iniciada hai algo máis de vinte anos (foi a fins do 53 que nos conocemos).

Unha forte, fraternal, aperta de

Xosé Neira Vilas


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Seoane, LuísSeoane, MaruxaVarela, LorenzoLombao, ManuelRaimúndez, AlexandreFernández del Riego, FranciscoHervella, EvelinaGerstein, MarikaDieste, RafaelDíaz Pardo, IsaacPeña, Marina de laGarcía-Sabell, DomingoBlanco Campaña, Xose LuísLaxeiro, Ledo, XohánCabanas, ConstantinoPiñeiro, RamónCancio, MiguelPicasso, PabloOtero Pedrayo, RamónGarcía Lorca, FedericoPaz-Andrade, ValentínPrado, EmilioRivera, PacoUnamuno, Miguel deBarral, CandidoLuaces, AntónMuñoz Manzano, CarmenNeira Vilas, XoséGoya, Francisco deBaltar Domínguez, AntonioAngel De La Viuda, LuisBlanco Santiago, CarlosCastelao, Cunqueiro, ÁlvaroVázquez, FranciscoCuadrado, ArturoCalviño, JoseSouto, ArturoCastro, Rosalía deRevillo, MaginFernández, ValentínMiranda, AnisiaPorteiro García, María XoséAlberti, RafaelLorenzo, PastorGarcia, AlejoIglesia Alvariño, AquilinoGarcia, PabloPrada, Rodolfo Temáticas: medios de comunicación Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. Fondos de Radio Nacional de España en Galiciaartesxornalismoartes visuaisemigraciónliteraturamigraciónsÁlbum de Galiciaautores/asexilio galegoespazos artísticosasuntos particularespolíticaentrevistaHora 11Colección: Isaac Díaz Pardo e Luís SeoaneGalegoLlanto por la muerte de Sánchez MejíaspremiosA nova SargadelosGalería Boninoartes escénicasExposición de Luís Seoane. Madrid. 1963Fábrica de Porcelanas La MagdalenaA soldadeira Exposición de Luís Seoane. Bos Aires. 1961Miguel de Unamuno. Cancionero. Diario poéticoAcademia Nacional de Bellas Artes [Arxentina]prensa escritaBienal de São PauloinformalismoteatroAs cicatricesExposición de Luís Seoane. Nova York. 1961El Toro JúbiloThéâtre national populaireComunicacións mesturadascinebiografíaEl PaísMonografía de SeoaneFigurando recuerdosexilioLa insepulta de PaitaComisión de Cultura del Centro Gallego de Bos AiresPremio PalanzaHomenaje a VeneciaEdiciós do Castro

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0