Ecofeminismos

Ecofeminismos

Os ecofeminismos desde os anos setenta do século XX, con diferentes énfases, en diferentes contextos e fases, formulan a necesidade de unir as demandas dos movementos feminista e ecoloxista, amosando as múltiples conexións entre a dominación e feminización da natureza e a dominación e naturalización das mulleres na procura dun outro mundo posíbel.

Dado o seu crecente interese a día de hoxe, nesta monografía achégase unha selección do moito que xa se ten feito ao respecto dentro e fóra de Galicia. As diferentes reflexións e materiais que a compoñen dan conta da súa xenealoxía, da súa pluralidade, da súa vitalidade no activismo e no pensamento, dos debates e das propostas e alternativas antipatriarcais e anticoloniais de transformación.

As achegas das expertas fornecen esta monografía con diferentes enfoques e perspectivas. María Xosé Agra desde a filosofía política interrógase sobre os tempos ecofeministas, Xabier Arakistain reflexiona sobre a relación entre arte feminista e ecofeminismo, pola súa banda Aimé Tapia, desde os feminismos de Abya Yala, céntrase nas defensoras indíxenas e na resistencia ao extrativismo e Manuela Palacios ocúpase dos ecofeminismos na literatura.

Instantáneas desprégase en tres galerías de imaxes: Fotobibliografía, que mostra obras ecofeministas publicadas entre 1962 e 2025; Loitadoras, amosa imaxes que dan conta da implicación das mulleres no activismo e defensa da auga, da terra e do ar datadas entre 1973 e 2021; Carteis e pancartas, inclúe imaxes de propostas, accións e debates ocorridos entre 1982 e 2025.

En Escritas no tempo áchase documentación histórica datada entre 1988 e 2025 arredor de tres epígrafes: Monografías, Publicacións periódicas, e Xornadas e encontros. Nestas recupéranse publicacións, do ámbito académico así como do pensamento, a sociedade, a cultura, o activismo e propostas para o ensino. Dáse información de espazos de encontro e confronto: xornadas, foros, cumios, nacionais, estatais, internacionais.

Ligazóns presenta algo máis de trinta entradas sobre organizacións sectoriais activas, biobibliografías de mulleres comprometidas e activistas, así como publicacións feministas galegas que acolleron e acollen nas súas páxinas aos ecofeminismos, publicacións ecoloxistas que incorporan os ecofeminismos e publicacións propiamente ecofeministas.

Vídeos incorpora máis dunha ducia de gravacións que amplían e complementan o conxunto.

Fotobibliografía


Loitadoras


Pancartas e carteis


Monografías


Periódicas


Xornadas e encontros


Créditos de Ecofeminismos
UN PROXECTO DE:
Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Consello da Cultura Galega.

COORDINACIÓN:
María Xosé Agra Romero (2025)

DOCUMENTACIÓN E EDICIÓN:
Mariám Mariño Costales


COLABORACIÓNS
Manuela Palacios
Xabier Arakistain
Aimé Tapia

IMAXE DE PORTADA
malostratos.org