CDIF

Centro de documentación en igualdade e feminismos
As monografías temáticas son repositorios documentais especiais que, contando coa colaboración de persoas especializadas, afondan no lugar das mulleres en ámbitos concretos de actividade social e cultural.

Permiten o acceso a datos e fontes de información que posibilitan conxugar pasado e presente da temática proposta e están suxeitos a revisións e ampliacións.

Compóñense, en xeral, de artigos de nova creación, ligazóns de interese e reproducións de referencias documentais recuperadas do esquecemento: gráficas, sonoras, bibliográficas, hemerográficas...

As letras das mulleres

A incorporación das escritoras ás institucións literarias suscita múltiples tensións sobre a lexitimidade, a paridade, o recoñecemento e as prácticas diverxentes. Estes debates sobre as estruturas culturais repercuten tamén na esfera social e provocan reaccións e campañas, particularmente no activismo feminista. Máis concretamente, esta monografía mostra reflexións e documentos sobre a participación das creadoras e intelectuais na celebración do Día das Letras Galegas e na Real Academia Galega.

As achegas das expertas aportan argumentos para actualizar o debate. Ana Romaní e Ánxela Lema ofrecen unha mirada crítica sobre as incomodidades que xorden arredor das autoras homenaxeadas nas Letras Galegas mentres que Susana Aríns aborda unha iniciativa feminista popular para o recoñecemento de autoras das letras galegas vivas. Co foco posto na Real Academia Galega, as contribucións de Iolanda Veloso, Dolores Vilavedra e María Reimóndez fan memoria de dúas campañas realizadas entre 2010 e 2011 para instar á elección de máis mulleres como académicas de número. E a política de lavado lila (purplewashing) da RAG no ano da súa fundación, en 1906, ocupa a achega histórica de Helena González.

A documentación histórica recollida no apartado “escritas no tempo”, recupera iniciativas de diverso signo que reivindican unha maior presenza de mulleres nas institucións literarias: a proposta de candidatura de María Xosé Queizán feita polo Consello Municipal da Muller de Vigo en 2010; o manifesto “O xogo das cadeiras” e as reaccións que provocou en 2011; os manifestos da celebración anual “Nosa Señora das Letras” d’A Sega desde 2014; a campaña “Dez mulleres para as Letras Galegas 2018”; e mais o “Manifesto de Soutomaior” publicado en 2021.

Ofrécense tres galerías gráficas: Académicas desde 1906, homenaxeadas no día das Galegas nas Letras d'A Sega e mais no Día das Letras Galegas da RAG. Singularizan cada unha das autoras e intelectuais elixidas á vez que ofrecen unha liña do tempo do recoñecemento institucional que pon en evidencia as carencias e interrupcións.

Ler monografía

Mulleres e alfabetización en galicia

Cuestións vinculadas coa relación mulleres, lectura, escritura e ensino en Galicia desde o século XVIII a comezos do XX, son as expostas nesta monografía a través de instantáneas, colaboracións, investigacións, documentos históricos e vínculos de Internet.
As mulleres estiveron basicamente excluídas da cultura escrita ao longo da maior parte da historia. A comezos de século XIX existen voces como a de Vicente do Seixo que cuestionan esta situación. En 1860 eran varios os concellos galegos nos que ningunha muller declaraba saber escribir. O dominio da escritura fornecía autonomía, e esta era unha calidade que non interesaba promover nas mulleres. Máis resistencia suscitaba aínda que as mulleres exercesen como escritoras, e así o pon de manifesto Rosalía de Castro no seu artigo “Las literatas”. Pola súa banda, no Congreso Pedagóxico Hispano-Portugués-Americano, celebrado en Madrid en 1892, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán defenderon, cada unha desde a óptica que lle era peculiar, o dereito das mulleres a ser educadas desde e para a autonomía.



Ler monografía

Mulleres e artes visuais

Por o foco no lugar ocupado polas mulleres no campo das artes visuais desde olladas de xénero e/ou feministas configuran a intencionalidade desta monografía temática. As imaxes, documentos bibliográficos, hemerográficos e ligazóns web dan forma a un conxunto que permite facer un percorrido polos camiños andados durante o século XX e nos primeiros decenios do XXI desde diferentes perspectivas de análise, xeitos de produción e mostra.

Ler monografía

Mulleres na sombra. Feitos e retos no sistema penitenciario

Unha achega documental á relación mulleres e sistema penitenciario no pasado, no presente e na reflexión sobre o futuro.

As olladas expertas de Celia Pereira Porto, Yolanda Ferreiro Novo e Libertad Francés Lecumberri, aproximan diferentes aspectos da realidade das presas desde perspectivas feministas. Reprodúcense ademais artigos, estudos, guías ou informes de xuristas, avogadas, sociólogas, traballadoras sociais, educadoras ou presas. Os vídeos e ligazóns
amplían información e permiten facer memoria sobre procesadas, e reclusas en cárceres, campos de concentración, mazmorras ou galeras, no cumprimento de penas que teñen que ver con delitos como bruxería, roubos, tráfico de drogas, máis tamén con ideoloxías relixiosas ou políticas que non encaixan coas morais dominantes nas diferentes épocas da historia. Teñen tamén o seu lugar as visitadoras entre as que destaca Concepción Arenal

Ler monografía

A muller galega. Estereotipos e crítica

Este especial nace coa intención de pór o foco en estudos que toman como obxecto de estudo mulleres en diferentes ámbitos de actividade social e cultural e que teñen como pano de fondo Galicia. As imaxes, documentos de interese, rexistros sonoros e ligazóns web dan forma a un conxunto que vai desde 1880 ata 2019, e permiten facer un percorrido polos camiños andados ata a actualidade desde diferentes áreas de coñecemento e perspectivas de análise. Son máis numerosas as referencias antropolóxicas e etnográficas, pero tamén se recollen traballos realizados desde a historia, a socioloxía ou a filosofía. Unha parte das achegas están elaboradas desde olladas críticas, incluídas as feministas, outras dan conta da permanencia de lecturas estereotipadas sobre a cultura, a etnicidade, os sexos, as mulleres, as sexualidades, as clases ou os roles de xénero.

Ler monografía

Viaxeiras por Galicia

No pasado non foron poucas as mulleres estranxeiras que percorreron Galicia e que, ao longo dos seus desprazamentos, recolleron notas en cadernos que logo darían lugar á publicación de libros de viaxe. Nos séculos XIV e XV, misticismos relixiosos explican viaxes ao Santo Sepulcro. Tamén hai viaxeiras do XVIII, XIX e XX, estudosas motivadas polo celtismo, polas construcións de pedra e lingüísticas ou polas artes. Non faltan as que perseguen exotismos e características diferenciais na xeografía, a paisaxe, a historia e a literatura deste país ou publicacións produto de militancias políticas. Tamén están mulleres para as que as mulleres non son transparentes nin faltas de interese. Viaxes interesadas na produción literaria e ensaística de Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Filomena Dato, Sofía Casanova... e, sobre todo, Rosalía de Castro, mais tamén interesadas nas campesiñas, obreiras, pobres, burguesas, mariñeiras, criadas, lavandeiras ou carreteiras. A selección de imaxes, textos e ligazóns web que compoñen este especial teñen a finalidade de dar luz, pór o foco, nestas olladas. Aténdese ás producións de mulleres que percorreron Galicia entre o século XIV e 1964 así como ás elaboracións que as teñen como obxecto de estudo.

Ler monografía