O programa arrinca cun posicionamento teórico no que analiza os case cen anos de teatro galego a través de dous relatorios: dunha banda o de Nate Pazos, actriz e profesora do IES 12 de Outubro (Ourense), que leva por título “De bufóns e porcos: volta con pinchacarneiro polo teatro galego dos últimos trinta anos”; da outra banda o de Olivia Rodríguez, profesora da Universidade da Coruña, que fala da “Fascinación teatral na narrativa de Vicente Risco”. De seguido intervirán o escritor, músico e tradutor, Pepe Senón, e a narradora oral Paula Carballeira que falarán dos lindes entre a narración oral e o teatro. A sesión da mañá remata cunha visita guiada por Allariz a través do legado de Vicente Risco.
Xa pola tarde, ofreceranse tres experiencias contemporáneas: a primeira, a cargo de Xesús Ron, que falará de “A berberecheira”, unha iniciativa a compañía na que outra xente allea á formación pode desenvolver os seus proxectos persoais, usando como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento e a experiencia de Chévere. A segunda é a do actor, membro de Sarabela, director, dramaturgo e profesor. Director da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense e da Mostra de Teatro Infantil de Ourense, Fernando Dacosta; mentres que a terceira é desde unha perspectiva de xénero que ofrecerá Ángeles Álvarez Rodríguez, directora dos grupos de teatro Silvardeiras e Mafaldas. A xornada remata cunha intervención a cargo de Cándido Pazó.
O CCG e a Fundación Risco
Esta xornada insírese no marco dunha liña de colaboración entre o CCG e a Fundación Vicente Risco que levan desenvolvendo diferentes actividades. Entre elas "Nós e o turismo cultural" ou "Os camiños de Nós polo mundo" en que, seguindo o ideario da Fundación Nós, analizaron o potencial turístico da cultura ou a internacionalización da cultura galega a partir das viaxes da Xeración Nós.


