A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o informe do ano 2022 da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan.
Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano tramitáronse 469 queixas, atendéronse 536 consultas e recibíronse 43 parabéns. En termos xerais, os usuarios e usuarias queixáronse pola ausencia de uso, discriminación e deturpación do galego en todos os ámbitos sociais, mais foi a deturpación da toponimia o motivo que máis queixas suscitou (22%). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, como xa acontecera en anos anteriores, as administracións e institucións públicas volveron ser as que máis queixas recibiron neste 2022 (51%).