----

Homenaxe a Ramón Castromil no Día da Galeguidade Empresarial

Co gallo da conmemoración do Día da Galeguidade Empresarial, o Foro Enrique Peinador organizou un acto de homenaxe pública ao músico e empresario Ramón Castromil Ventureira, coincidindo co 30 aniversario da galeguización da empresa de autobuses Castromil, da que foi presidente.

A homenaxe consistiu nun acto académico, que tivo lugar onte, 10 de outubro de 2023, no Salón Nobre de Fonseca, en Santiago de Compostela. No marco deste acto, as tres universidades galegas realizaron un pronunciamento conxunto a prol da incorporación da lingua galega ao mundo empresarial. Tamén participaron representantes das empresas Embutidos Lalinenses, Seguridade A1 e Navantia, como exemplo de entidades que apostan polo galego na súa actividade empresarial. Posteriormente, ás 13:00 horas, tivo lugar a inauguración dun busto de Ramón Castromil na Intermodal de Santiago de Compostela, realizado coa colaboración do Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.