----

O impacto da intelixencia artificial na creación, entre as liñas de acción para 2024

O Consello da Cultura Galega (CCG) levou a cabo unha sesión plenaria no serán deste mércores na que aprobou a programación da institución para 2024. A relación entre cultura, patrimonio e turismo; a intelixencia artificial aplicada á creación; a memoria da transición; a proxección exterior, e internacionalización da cultura galega son as áreas prioritarias para o vindeiro ano. Ademais, a institución, que preside Rosario Álvarez, manterá as súas liñas de acción habitual, así como a asesoría e a avaliación do sector cultural, con informes e documentos de traballo. Na sesión tomou posesión Dolores Vilavedra, que substitúe a Elisa Fernández Rei como representante do ILG no Pleno.

A análise do impacto na creación cultural da intelixencia artificial será un dos asuntos aos que atenderá o Consello da Cultura Galega en 2024. Insírese no marco dunha liña titulada “Novos formatos e novos mercados da cultura”, na que prestará atención á revolución dixital na creación, formatos, difusión, acceso, desfrute e conservación. Outra das liñas de acción denomínase “Enerxías renovables, sostibilidade e patrimonio cultural” e profundará no modelo de explotación do territorio e na súa relación co patrimonio cultural. Nese ámbito estase a traballar nun informe sobre a relación entre cultura, patrimonio e turismo, así como a xestión do concepto de patrimonio. Outra das liñas é “Memoria da Transición”, baixo a que se analizarán os discursos políticos, as mobilizacións sociais, a conquista do autogoberno e a loita pola lingua e a cultura desta época. Entre as prioridades para o vindeiro ano está tamén a liña “Unha cultura con identidade sen fronteiras”, paraugas desde o cal se reforzará a proxección exterior e a internacionalización da cultura galega; a cultura da emigración, e o diálogo con outras culturas europeas.

Ademais, seguindo fiel á liña de traballo habitual da institución para 2024 están programados unha serie de informes encamiñados a avaliar o sistema cultural. O Barómetro da cultura galega e as Conxunturas realizadas polo Observatorio da Cultura Galega complementarán os informes de impacto ambiental, os preceptivos para os bens de interese cultural (BIC) e outros que elabora de xeito periódico a institución. Tamén se continuará prestando atención á conservación e valorización de todo tipo de patrimonio (material e inmaterial), así como ao fomento da cultura científica, tecnolóxica e ambiental.


Actividades do terceiro trimestre
Entre o 28 de xuño e o 24 de outubro deste ano, a institución levou a cabo unha trintena de actividades de diferente formato. Desde a celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (cun congreso, unha andaina e unha xornada de análise e comparación con outros centros coetáneos con características similares) ata a gordofobia ou a discriminación por cuestións estéticas, pasando por novas sesións dos ciclos encamiñadas a analizar a calidade da democracia (no marco de Pensarmos), os falecidos do grupo Atlántica (Revisando a nosa arte) ou a memoria do teatro galego na Transición. O 57 % das actividades tiveron lugar fóra da sede institucional.

Destaca neste intervalo a forte actividade en acción exterior, que ten na mostra Afonso X e Galicia un dos principais activos. A exposición estivo en São Paulo, onde estivo acompañada dun completo programa de actividades e desde onde se trasladará a Río de Xaneiro (coa apertura ao público o 8 de novembro). En paralelo, continúase coa liña de acción europea deste legado, con outras copias en Perugia e Brastilava. Precisamente a presidenta, Rosario Álvarez, reuniuse hai un mes coa embaixadora de España en Eslovaquia, Lorea Arribalzaga Ceballos, para establecer futuras vías de colaboración en iniciativas de ámbito cultural, que se concretarán en proxectos expositivos e outras actividades.


No marco do plan de Acción Exterior da institución e encamiñadas a promover a internacionalización da cultura galega, neste trimestre realizáronse diferentes accións significativas. Por unha banda, presentouse o proxecto Seara. Discover Galician literature through its texts / Descubre a cultura galega a través dos seus textos, que ofrece traducións literarias ao inglés. Pola outra, viu a luz Crossign borders. A música TRAD atravesando fronteiras, un proxecto audiovisual encamiñado a visibilizar, para o público estranxeiro, o bo momento que está a vivir a música de raíz no país a través do testemuño dos seus artífices.
Neste trimestre tivo lugar o acto institucional de celebración do 40º aniversario do CCG, que concentrou unha nutrida representación da sociedade, política e cultura galegas, e que permitiu renovar o compromiso do CCG coa cidadanía. Ademais, o pasado mes de setembro a presidenta, Rosario Álvarez, depositou na Caixa das Letras que mantén o Instituto Cervantes o legado material e simbólico de Rosalía de Castro.

No marco da asesoría fixéronse dezaseis informes, algúns tan destacados como O valor económico do galego ou o Informe sobre o impacto dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido no patrimonio natural e cultural de Galicia, que analiza o impacto das plantacións forestais con especies de crecemento rápido, especialmente o eucalipto, na paisaxe cultural galega. Trece deles son informes de impacto ambiental e un é sobre patrimonio (Impacto do parque eólico Acibal sobre o patrimonio arqueolóxico de Brañas de Amil e do curro de Amil).