Pablo Pérez Costanti no Álbum de Galicia
Nado en Santiago de Compostela, Pablo Pérez Costanti cursou materias das carreiras de Medicina e Farmacia, pero non chegou nunca a concluílas. A súa vida estivo dedicada aos estudos históricos, ámbito no que comezou en 1882 da man do seu tío Tomás Ballesteros, quen se atopaba á fronte do Arquivo da Administración de Bens Nacionais do Partido de Santiago. Baixo o seu maxisterio, Pérez Costanti realizou os seus primeiros traballos paleográficos. Posteriormente, en 1885, asumiu o cargo de arquiveiro do Concello de Santiago de Compostela. Alí, “ordenou meticulosamente todos os protocolos que xacían no arquivo compostelán, máis de 5770 volumes dos séculos XVI ao XIX procedentes de 364 escribáns de diferentes puntos de Galicia”, explica Xosé Ramón Fandiño na entrada que asina para o Álbum de Galicia. “O resumo deste inventario foi publicado, en forma de índice, polo concello compostelán en 1892”, continúa.
Pérez Costanti traballou tamén nos arquivos da Mitra Compostela, no do Cabido, no das confrarías da Concepción e do Rosario, mais no de Protocolos de Santiago. Ademais, catalogou os arquivos xudiciais de Ordes, Carballo, Corcubión e Santiago. Para os seus fins de investigación, rexistrou unha gran parte dos arquivos notariais de Galicia, así como os municipais das cidades galegas máis importantes.
Xunto co seu labor como arquiveiro, Pérez Costanti cultivou a súa vocación de historiador e xornalista. En 1883 fundou o xornal El organillo: quincenario humorístico dedicado al bello sexo padronés y cesureño con Eladio Fernández Diéguez, Fernando García Acuña e Xavier Valcarce Ocampo. “Desde 1891 mantivo contactos políticos de signo republicano federal coa Asociación Regionalista Gallega e o seu órgano La patria gallega e coa revista Galicia, voceiro do núcleo rexionalista coruñés”, subliña Xosé Ramón Fandiño. Así mesmo, colaborou con outras cabeceiras da época, como Diario de Galicia, Galicia diplomática ou Suevia, na que asinou un artigo sobre a supresión do Colexio de Fonseca, o cal forma parte dos materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia.
A partir de 1900, Pérez Costanti integrouse na redacción do xornal El Eco de Santiago e, entre 1911 e 1924, publicou a serie “Linajes Galicianos” no Boletín da Real Academia Gallega. Ao ano seguinte, en 1925, saíu do prelo o primeiro dos tomos do seu libro Notas viejas galicianas, que se completou con outros dous volumes en 1926 e 1927. A edición foi asumida polo propio Costanti, “que tivo que facer un enorme esforzo dada a súa precaria dispoñibilidade económica”, segundo explica Xosé Ramón Fandiño. Posteriormente, publicou o Diccionario de artistas que florecieron en los siglos XVI y XVII (1930). O libro, resultado das investigacións que Pérez Costanti realizara durante lustros nos arquivos de Galicia, foi cualificado pola crítica especializada como “unha das grandes obras galegas do século XX”.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 690 entradas, das cales as máis recentes son as de Isabel Martínez-Barbeito, Manuel Soto Freire, Marcial Valladares e Manuel María.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

