Os orzamentos do Consello da Cultura Galega para o ano 2024 ascenden un 4,25 % con respecto ao ano anterior. Con ese orzamento, a presidenta perfilou as liñas de programación de actividades da institución. A análise do impacto da intelixencia artificial na creación cultural será un dos asuntos aos que atenderá en 2024. Insírese no marco da liña titulada “Novos formatos e novos mercados da cultura”, na que prestará atención á revolución dixital na creación, formatos, difusión, acceso, desfrute e conservación. Outra das liñas de acción denomínase “Enerxías renovables, sostibilidade e patrimonio cultural” e afondará no modelo de explotación do territorio e na súa relación co patrimonio cultural. Nese ámbito estase a traballar nun informe sobre a relación entre cultura, patrimonio e turismo, así como a xestión do concepto de patrimonio. Outra das liñas é “Memoria da Transición”, baixo a que se analizarán os discursos políticos, as mobilizacións sociais, a conquista do autogoberno e a loita pola lingua e a cultura desta época. Entre as prioridades para o vindeiro ano está tamén a liña “Unha cultura con identidade sen fronteiras”, paraugas desde o cal se reforzarán a proxección exterior e a internacionalización da cultura galega; a cultura da emigración, e o diálogo con outras culturas europeas.
Ademais, seguindo fiel á liña de traballo habitual da institución, para 2024 están programados unha serie de informes encamiñados a avaliar o sistema cultural. O Barómetro da Cultura Galega e as Conxunturas realizadas polo Observatorio da Cultura Galega complementarán os informes de impacto ambiental, os preceptivos para os bens de interese cultural (BIC) e outros que elabora de xeito periódico a institución. Tamén se continuará prestando atención á conservación e valoración de todo tipo de patrimonio (material e inmaterial), así como ao fomento da cultura científica, tecnolóxica e ambiental.
A actividade de 2023
A institución celebrou neste ano o seu 40º aniversario, para o que planificou unha programación especial que permitiu revisar a súa acción e reflexionar sobre o futuro. Destacou a realización do foro Pensar o mundo dende Galicia, do que se desenvolveron xa sete das oito sesións programadas. Dentro desta celebración, o pasado 7 de xullo tivo lugar un acto institucional que concentrou unha nutrida representación da política, da cultura e da sociedade galegas. Restan dúas actividades conmemorativas: un concerto a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia, no que se estreará unha obra de Juan Durán, e unha xornada que afondará no papel do CCG no contexto autonómico.
Para o conxunto do ano 2023 preveuse a realización de máis de oitenta actividades de diferente formato sobre cuestións como a conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (cun congreso, unha andaina e unha xornada de análise e comparación con outros centros coetáneos con características similares), a gordofobia ou a discriminación por cuestións estéticas, así como novas sesións de ciclos encamiñadas a analizar a calidade da democracia (no marco de Pensarmos), os falecidos do grupo Atlántica (Revisando a nosa arte) ou a memoria do teatro galego na Transición. Por primeira vez, máis da metade das actividades —o 54 %— levouse a cabo fóra da sede institucional.
Destaca neste ano a forte actividade en acción exterior, que ten na mostra Afonso X e Galicia un dos principais activos. A exposición levouse a São Paulo, onde estivo acompañada dun completo programa de actividades e desde onde se trasladará a Río de Xaneiro (inaugurarase o 8 de novembro). En paralelo, continuouse coa liña de acción europea deste legado, con outras copias en Perugia, Roma, Cracovia e Brastilava. Precisamente a presidenta, Rosario Álvarez, reuniuse en setembro coa embaixadora de España en Eslovaquia, Lorea Arribalzaga Ceballos, para establecer futuras vías de colaboración en iniciativas de ámbito cultural, que se concretarán en proxectos expositivos e outras actividades.
No marco do plan de acción exterior da institución e encamiñados a promover a internacionalización da cultura galega, neste ano elaboráronse diferentes produtos audiovisuais. Por unha banda, presentouse o proxecto Seara. Discover Galician literature through its texts / Descubre a cultura galega a través dos seus textos, que ofrece traducións de textos literarios ao inglés. Pola outra, viu a luz Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras, un proxecto audiovisual encamiñado a visibilizar, para o público estranxeiro, o bo momento que está a vivir a música de raíz no país a través do testemuño dos seus artífices. Está prevista a presentación de dous novos proxectos: Memoria do teatro galego da transición e O que pode a danza. Ademais, o pasado mes de setembro a presidenta, Rosario Álvarez, depositou na Caixa das Letras que mantén o Instituto Cervantes o legado material e simbólico de Rosalía de Castro.
Durante este período reforzouse a función asesora da institución. Neste ano realizáronse máis de medio centenar de informes. O Observatorio da Cultura Galega analizou a situación do sector audiovisual, que se publicará na vindeira semana, e elaborou unha conxuntura, un barómetro e o informe Corenta anos de cultura galega en estatísticas, entre outros. Publicáronse outros informes destacados como O valor económico do galego ou o Informe sobre o impacto dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido no patrimonio natural e cultural de Galicia, que analiza o impacto das plantacións forestais con especies de crecemento rápido, especialmente o eucalipto, no patrimonio cultural galego. Ademais, emitíronse trinta e oito informes de impacto ambiental e seis sobre patrimonio, entre eles Impacto do parque eólico Acibal sobre o patrimonio arqueolóxico de Brañas de Amil e do curro de Amil.
A acollida dos grupos parlamentarios
Abriu a quenda de intervención dos grupos parlamentarios Noa Díaz Varela, do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, quen parabenizou a acción da institución, que considera un “foro imprescindible para o debate e a reflexión”. Lamentou que malia o incremento do orzamento xeral, a análise detallada indica a redución orzamentaria das partidas destinadas “a desenvolver a parte central da acción da institución”. Unha visión na que coincidiu Mercedes Queixas Zas, do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, quen destacou que “os orzamentos non teñen en conta o traballo e a relevancia deste órgano estatutario”. Ademais, pediu unha reflexión serena para abordar a situación actual da cultura galega.
Por último, Marisol Díaz Mouteira, do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, destacou “a capacidade de evolución e adaptación da institución en paralelo á sociedade”. A sociedade de 2023 é moito máis activa que a de 1983 e destacou o papel significativo do CCG neste tempo e instou á colaboración institucional.


