----

Alejo Amoedo, elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes

O pianista e doutor Alejo Amoedo, membro do Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG), vogal da Comisión Executiva da institución e director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), acaba de ser nomeado académico de número da Sección de Música da Real Academia Galega de Belas Artes. Foi proposto polos académicos numerarios Juan Durán Alonso, Felipe-Senén López Gómez, José Ramón Soraluce Blond, Xurxo Lobato e Xosé Manuel Casabella López. A súa elección produciuse na sesión desenvolvida o día 28 de outubro de 2023 na Sala do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago.

Alejo Amoedo é doutor pola Universitat Politècnica de València e está especializado no repertorio de compositores/as galegos/as. A súa ampla traxectoria no ámbito da música de cámara levouno realizar numerosos recitais e a participar, como solista e como acompañante, nun gran número de traballos musicais. Así mesmo, foi pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo, na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo do Porto e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na actualidade pertence ao corpo de catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

É un dos integrantes do colectivo cultural Pertenza, asesor da Fundación Reveriano Soutullo Otero e membro fundador da Irmandade da Música Galega, que ten como obxectivo a preservación e divulgación da música galega.