Santiago de Compostela, 9 de abril de 2010.- “Luís Seoane foi a persoa que máis intensamente pensou Galicia”, dixo Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, na conferencia de clausura do congreso internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía”, que desde o pasado día 6 veu celebrándose no Consello da Cultura Galega, en Compostela, e que hoxe finalizou una Coruña, na sede da Fundación que leva o nome do artista e garda o seu legado e a súa memoria. Tras a conferencia foi inaugurada a exposición “Luís Seoane: a configuración do posible” nun acto que contou tamén coa presenza do Alcalde herculino, Javier Losada, e do director da Fundación, Alberto Ruiz de Samaniego. CCG e Fundación Luís Seoane impulsarán asemade tres encontros sobre as distintas facetas do artista que terán lugar en maio, outubro e novembro nas universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, respectivamente. O historiador e presidente do CCG, Ramón Villares, aludiu a Seoane como “un gran deseñador da cultura e da idea de Galicia” nun relatorio presentado co título “As Galicias de Luís Seoane”. Catro Galicias que son as da eclosión republicana, a do exilio, a ideada para o retorno e unha cuarta descoberta logo do encontro Seoane-Isaac Díaz Pardo en Buenos Aires e a posterior realización do Laboratorio de Formas de Galicia. Un proxecto cultural, estético, industrial e vital que, como a obra de Seoane,” contribuiu a renovar a idea de Galicia”. Villares fuxiu da consideración idealizada da Galicia interior e do exilio e subliñou a necesidade de analizar os dous ámbitos tendo en conta as súas contradiccións e tamén as súas diferenzas e loitas internas. Baixo ese criterio repasou algunhas circunstancias que marcaron a vida do autor do “Fardel do eisiliado”, as súas esperanzas e temores, para concluir que, pola súa obra e pola cercanía coa cultura da que procedía, a que contribuira a convertelo en intelectual e artista referencial “non debía sentirse nin perdedor nin tmamouco en sooidade”. A cuarta e última sesión do congreso abriuse coa conferencia de Xusto Beramendi (Universidade de Santiago) sobre “O exilio e os galeguistas do interior: acordos e disidencias (1940-1970)” que puxo o acento máis ben nas disdencias e nas distancias que remataron por crear unha fenda entre os dous mundos. Pola súa parte, o artista visual Antón Patiño co seu relatorio “Seoane e o Laboratorio de Formas” chamou a atención sobre o “pensamento visual” do xenial creador “que sempre tivo presente a necesidade da arte como comunicación”. Patiño referiuse tamén a Seoane como “lider natural da reconstrucción de Galicia” e aludiu á súa modernidade, ao seu sentido do ritmo e á súa mestría na utilización e na visualización da liña.

