NOTICIA

----

Rosario Álvarez deposita na nova Biblioteca Rosalía de Castro de Curitiba (O Brasil) unha escolma de obras sobre a autora

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, iniciou este martes unha viaxe institucional por Curitiba. Alí inaugurou na sede que o Instituto Cervantes ten na cidade brasileira a mostra Galicia imaxinada nas revistas da emigración, un proxecto que retrata a Galicia de finais do século XIX e inicios do XX a través da visión da colectividade emigrada alén mar. Após a apertura da exposición, tivo lugar o acto de nominación da biblioteca do centro como Biblioteca Rosalía de Castro, na que Rosario Álvarez depositou diferentes publicacións editadas polo CCG e mais pola Fundación Rosalía de Castro.
Rosario Álvarez deposita na nova Biblioteca Rosalía de Castro de Curitiba (O Brasil) unha escolma de obras sobre a autora

A sala de exposicións do Instituto Cervantes de Curitiba acolle ata o vindeiro 20 de marzo a mostra Galicia imaxinada nas revistas da emigración. O proxecto, desenvolto polo Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, retrata a Galicia da emigración, tanto a real como a idealizada, a través dunha escolma de revistas e publicacións editadas pola colectividade emigrada en América.

Tras ser inaugurada en Vigo no ano 2015, a mostra iniciou un programa de itinerancias por diferentes cidades galegas, do Brasil e da Arxentina. Nesta ocasión recala en Curitiba, onde foi inaugurada na tarde do martes 20 de febreiro por Rosario Álvarez. A presidenta do CCG destacou no acto de apertura que a exposición é “un canto á cultura galega xerada fóra da Galicia territorial, en América, por centenares de miles de emigrantes que colleron o rumbo do mar”. Así mesmo, resaltou o compriso do CCG con “romper a imaxe negativa e pesimista lanzada outrora sobre o fenómeno migratorio” e valorar “a contribución das sucesivas camadas de emigrantes á construción da Galicia moderna e ao progreso da cultura galega”. Os símbolos, como a bandeira ou o himno galego; as escolas de americanos, “que introduciron a educación na Galicia rural e para as mulleres”, ou a modernización tecnolóxica dos fogares de vilas e aldeas constitúen alguns exemplos de como “as novas vidas dos emigrados supuxeron un alento renovador para Galicia”. Ademais, coa mostra “tamén queremos que as sociedades dos países que nos acollen saiban de Galicia, da súa lingua e da súa cultura”, apuntou.

Após a inauguración da exposición, a presidenta participou no acto de nominación da Biblioteca Rosalía de Castro na sede cervantina, na que depositou varias publicacións editadas polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Rosalía de Castro. No seu discurso, Rosario Álvarez destacou que “dicir Rosalía é dicir Galicia”. Por iso, “todos nós, galegos e galegas de herdanza ou de corazón, nos sentimos honrados e agradecidos por esta decisión de bautizar co seu nome esta biblioteca, precisamente no Brasil”, onde se dan “en estreito abrazo dúas características da nosa identidade: Galicia-América, unidas polo mar, e lingua galega-lingua portuguesa, nacidas ambas do mesmo toro medieval común”. O acto contou tamén coas intervencións do director do Instituto Cervantes de Curitiba, Juan Manuel Casado Ramos; do cónsul xeral adxunto de España en São Paulo, Gonzalo Javier Moro Aguilar; da presidenta da Fundação Cultural de Curitiba, Ana Cristina de Castro, e do director do Instituto Cervantes, Luis García Montero.

A mostra
Galicia imaxinada nas revistas da emigración reflicte a influencia que tivo a colectividade galega emigrada en América na configuración dos símbolos identitarios de Galicia. A través de diferentes revistas ilustradas da época, como as porteñas Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego ou as habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega, amósase o papel que estas publicacións tiveron na descuberta e promoción da identidade galega feita dende o exterior, unha identidade baseada na paisaxe, no patrimonio, na música ou na literatura.

Comisariada por Chus Martínez Domínguez, a mostra ofrece un percorrido expositivo ao longo de vinte paneis. Neles, escólmanse publicacións editadas tanto dentro como fóra de Galicia, especialmente na Habana e en Bos Aires, que permiten reconstruír a Galicia dos emigrantes (incluídos os seus símbolos, tópicos e tradicións), ao tempo que presentan unha imaxe completa da cultura visual da época. O catálogo da mostra está dispoñible para a súa consulta no sitio web do CCG.

A exposición na actividade do CCG
Esta exposición insírese no marco dunha liña de acción do Consello da Cultura Galega que busca recuperar e divulgar o patrimonio cultural creado polas colectividades da emigración. Dende a inauguración en 1992 de Galicia e América: cinco séculos de historia, o CCG continuou a traballar a prol da divulgación e visualización do que supuxo o feito migratorio para Galicia, un labor que se concretou noutros proxectos como Nós mesmos, Luces de alén mar, Os adeuses ou Alba de gloria.