Con todo, pode dicirse que o galego conseguiu onte un importante avance no seu recoñecemento internacional ao ser declarado lingua de uso da Unión Europea. O acordo acadado permítelles a todos os cidadáns do Estado español dirixirse por escrito ás institucións europeas en calquera das linguas cooficiais e aos seus representantes políticos outórgalles a posibilidade de intervir nas reunións das institucións europeas empregando estas linguas, sempre que se comunique coa suficiente antelación para dispor os servizos de interpretación.
Outras aspiracións que recollía o memorandum, como a reforma do regulamento 1/58, que fixa o réxime lingüístico das institucións da UE, a publicación oficial en galego, catalán e éuscaro dos textos legais da Unión, ou a inclusión destas tres linguas no Programa Lingua, non puideron finalmente ser acadadas.


