----

Ferrín ve en Seoane "o máis notable intelectual galego de esquerda" e Arturo Casas considérao "o gran renovador de repertorios da cultura galega"

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2010.- “Luís Seoane é o intelectual galego de esquerda máis importante entre os que se cruzaron na miña vida”. Así o ve o escritor e presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. Na perspectiva do profesor Arturo Casas é “o gran renovador de repertorios da cultura galega”. Estas dúas intervencións ocuparon a tarde da terceira xornada do congreso internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía”, que desde o pasado día 6 veu celebrándose no Consello da Cultura Galega. As sesións de traballo finalizarán ao longo do venres día 9 na Coruña, na sede da Fundación Luís Seoane, coa conferencia de clausura, “As Galicias de Luís Seoane”, que pronunciará Ramón Villares, presidente do CCG, e coa inauguración da exposición “Luís Seoane: a configuración do posible”. “Unha figura permanente, perdurable”. Con expresións admirativas, e non sen emoción, falou de Luís Seoane o presidente da RAG, quen recurriu á memoria e ás vivencias persoais para evocar as circunstancias dalgúns encontros co “intelectual e artista galego-arxentino e internacionalista”. No seu relatorio titulado “Seoane no fondo dos espellos. Notas para un libro de memorias que se cadra non escribo”, evocou tamén os compromisos éticos e políticos do autor de “·Fardel do eisiliado” e a súa defensa da democracia e da liberdade de Galicia. Aludiu Méndez Ferrín ás diferencias de Seoane con Ramón Piñeiro. Lembrou o encontro do Grupo Brais Pinto, ao que Ferrín pertenceu, con Seoane en Madrid (1959-1960) na primeira volta do exilado a España e recordou o seu apoio ao Consello de Galicia, e a importancia e o aire liberador da súa obra e agradeceu “a lección indeleble do artista”. Pouco antes o profesor Arturo Casas (Universidade de Santiago) aludira a Seoane como “o gran renovador de repertorios da cultura galega, intelectual creador e activador con relativo éxito”. A conferencia, presentada baixo o título “o compromiso como posición no campo cultural. Luís Seoane no campo cultural galego” subliñou a necesidade de coñecer unha figura importante “que non debe ser prescindible” e aludiu ao feito de que a personalidade agora homenaxeada con motivo do seu primeiro centenario (1910-1979) estivo “na filosofía da praxe”. Na sesión matinal interviu Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega, para falar da “descoberta de Galicia por Seoane: unha cultura un pobo” e recordar a súa idea de que “a única liberdade está na cultura do pasado que temos a obriga de coñecer”. De aí o seu interese pola historia e particularmente pola Idade Media. Referiuse tamén ao seu espíritu rebelde e entusiasta, ao seu proceder dialogante e a súa fidelidade aos amigos. Salientou tamén que as liñas básicas da arte de Seoane estaban xa na obra e na reflexión teórica feita na Compostela anterior a 1936, espazo da gran descoberta do artista. A descoberta de Galicia. Previamente analizaron o medievalismo de Seoane, Manuel Castiñeiras (Museu Nacional d´Art de Catalunya): “A arte medieval como esencia da modernidade” e Rosario Portela Yáñez (Instituto Galego da Información): “A Idade Media na obra escrita de Luís Seoane”. PROGRAMA DO VENRES, 9 DE ABRIL O programa do venres, 9 de abril, desenvolverase na Fundación Luís Seoane (rúa San Francisco, s/n, na Coruña) e comezará ás 10´30 horas coa conferencia de Xusto Beramendi (Universidade de Santiago) sobre “O exilio e os galeguistas do interior: acordos e disidencias”. Ás 12 horas, Antón Patiño (artista visual) dará a coñecer o relatorio “Seoane e o Laboratorio de Formas”. Pola tarde, a partir das 17 horas, celebrarase a conferencia de clausura a cargo de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, quen disertará sobre “As Galicias de Luís Seoane”. A xornada e o congreso rematarán coa inauguración da exposición “Luís Seoane: a configuración do posible”, que poderá verse na Fundación Luís Seoane ata o 11 de xullo. É esta a primeira actividade programada polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luís Seoane con motivo do primeiro centenario do nacemento dunha figura sobranceira da cultura galega (1910-1979). Ao longo do ano, en maio, outubro e novembro, seguirán outros tres encontros en colaboración coas tres universidades de Galicia.