No Pleno celebrado no serán deste xoves renovaron no seu posto os representantes da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, Xesús Palmou; do Instituto de Estudos Xacobeos, Daniel Lorenzo; do Instituto da lingua Galega, Dolores Vilavedra; da Fundación Rosalía de Castro, Xosé Carlos Beiró; e da Fundación Barrié, Carlos Lema. A Fundación Penzol elexiu ao seu presidente, Manuel Puga, como representante no Plenario en substitución de Silvestre Gómez Xurxo, que esgotou o tempo máximo permitido na institución.
O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios da súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece a renovación, por metades, dos representantes das entidades. Compételles a elas a elección da persoa que as representará no Plenario do Consello da Cultura Galega.
Balance do primeiro trimestre
Neste primeiro trimestre desenvolvéronse 13 actividades, das que o 33% foi fóra da sede da institución. Publicáronse novos especiais encamiñados a visibilizar as figuras homenaxeadas en diferentes efemérides (Luísa Villalta co Día das Letras Galegas; o matemático Rodríguez, Científico galego do ano e Chichi Campos no Día da Ilustración). Ademais, a presidenta informou das dúas viaxes institucionais realizadas a Boloña e a Curitiba, onde contribuíu a estreitar lazos de colaboración encamiñados a visibilizar a cultura galega no exterior ao tempo que incrementar os recursos e fondos documentais das colectividades de emigrantes. Entre as actividades programadas para o segundo trimestre do ano destacan as accións dirixidas a homenaxear a Luísa Villalta, no marco da programación do Día das Letras Galegas; a recuperación do concerto didáctico e musical “No bico un cantar”; a xornada sobre o Arquivo Sonoro de Galicia e contribuír a difundir o fondo documental que custodian os diferentes arquivos e centros de documentación da institución.

