As familias do concello de Pontevedra inscritas no proxecto Apego poderán gozar durante os vindeiros meses de abril, maio e xuño dun amplo programa de actividades lúdicas e didácticas pensadas para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia.
O programa inclúe obradoiros musicais, cantigas, arrolos, recitados e primeiros xogos para familias con bebés de 0 a 3 anos. As familias con nenos/as de máis idade poderán participar en obradoiros didácticos, xogos tradicionais, contos e actividades musicais. A maiores, organizaranse unha serie de actividades guiadas nas que o mundo dos oficios tradicionais galegos e o artesanado será o fío condutor.