----

Recoñécese a oficialidade do galego no Rexistro Civil

En virtude do artigo 3 da Constitución española e do principio de dobre oficialidade contido nos estatutos das comunidades autónomas con lingua propia, as Cortes Xerais veñen de aprobar a Lei 12/2005, do 22 de xuño, pola que se modifica o artigo 23 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil.

Segundo esta modificación, os asentos poderán realizarse agora tanto en castelán como na lingua oficial propia da Comunidade Autónoma na que estea situado o Rexistro Civil. Ademais, nas Comunidades con lingua oficial propia distinta do castelán, as follas dos libros do Rexistro Civil, os impresos, os selos e os sistemas informáticos distribuiranse nas dúas linguas oficiais.