NOTICIA

----

Unha xornada aborda os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza este xoves, 11 de abril (16:30 horas) a xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura. Nela daranse a coñecer unha parte dos documentos sonoros que se atopan depositados no ASG, ao tempo que se analizará a importancia que estes teñen para enriquecer o coñecemento sobre a cultura e identidade galegas. Alejo Amoedo e Cristina Pujales, director e coordinadora-técnica do ASG, inaugurarán esta cita presencial, que se poderá seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.




Os máis de 50 000 rexistros que garda o Arquivo Sonoro de Galicia constitúen unha fonte relevante para coñecer a cultura e a lingua galegas, para afondar no patrimonio oral e musical propio, así como para estudar a historia, os movementos sociais e os fluxos migratorios. Entre eles cómpre mencionar a colección de máis de 700 lousas, entre as que se atopan as primeiras gravacións de 1904 do coro Aires d'a Terra ou as producións sonoras impulsadas pola emigración radicada en Bos Aires e Cuba, que permiten achegarse aos inicios da historia fonográfica da música galega.

Sobre eses fondos falarán os diferentes especialistas que participan este xoves na xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura. Nela analizaranse algúns aspectos relevantes dos fondos (tipos de soporte, repertorios, estilos, singularidades…) e exporase a importancia que, en termos xerais, teñen os documentos sonoros como fonte e ferramenta de investigación.

O programa
Abrirá a sesión María Jesús López, xefa do Servizo de Documentos Sonoros e Audiovisuais do Departamento de Música e Audiovisuais da Biblioteca Nacional de España, cun relatorio que leva por título “O documento sonoro como fonte primaria de información”. A continuación, Xaime Estévez, catedrático de Música en educación secundaria e membro da Comisión Técnica do ASG, achegará as particularidades e os aspectos singulares dos fondos que compoñen o Arquivo Sonoro de Galicia. A sesión rematará coa intervención de Beatriz Cancela, musicóloga e membro da Comisión Técnica do ASG, quen se centrará en analizar especificamente a presenza das bandas de música e dos orfeóns nos fondos do xa citado arquivo. Presentarán aos relatores Cristina Pujales, coordinadora técnica do ASG; Alejo Amoedo, director do ASG, e Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e integrante da Comisión Técnica do ASG.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes de arquivos particulares, institucións, colectivos ou compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas; a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais constitúen os eixes centrais da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada, Luciano Pérez Díaz e Cristina Pujales Prats.