O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e as comisións de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, da Facultade de Psicoloxía e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría convocan o I Concurso de edición da Galipedia (Wipedia en galego), co fin de promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en galego na Galipedia.
A iniciativa está dirixida a toda a comunidade universitaria da USC. Os participantes deben editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes relacionados coas seguintes tres áreas temáticas: psicoloxía; matemáticas; enxeñarías química, ambiental e informática. Outorgaranse dous premios (un primeiro premio de 350 euros e un segundo premio de 150 euros) en cada unha das categorías.
O prazo de inscrición remata o 31 de maio de 2024. A data límite para a presentación dos traballos é o 5 de setembro de 2024.