Tomás Viturro, Ramón Torrado, Perfecto Blanco, Manuel Reboiras ou Manuel Viturro foron algúns dos nomes propios que, en maio de 1913, se implicaron na fundación da Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro. Creada en Bos Aires con fins agraristas e mutualistas, a asociación axudou ao funcionamento da Sociedade Agraria de San Julián de Laíño, ao tempo que apoiou a loita do sindicato agrario da parroquia contra o caciquismo local. A instrución formaba parte, así mesmo, dos obxectivos fundacionais da asociación, que promoveu a construción en Tallós dun edificio que funcionaría como sede da sociedade de agricultores e como escola para os nenos e nenas da parroquia. Ademais de asumir o seu financiamento, a entidade enviaba diñeiro periodicamente para contribuír ao mantemento das súas instalacións e a pagar o soldo do mestre. A acta de constitución da asociación (1913), o libro de rexistro de socios (1914) ou a listaxe dos seus membros na data de 1937 son algúns dos documentos que se difunden na nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega. Tamén se incorporan o emblema da sociedade, o seu regulamento (1936), os libros de actas da Sección de Propaganda e Festas (1936-1939) e algunha da correspondencia enviada e recibida.
Porén, houbo un pequeno número de emigrantes de Lestrobe que, no canto de unirse á Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro, optaron por fundar unha propia coa que axudar dun modo máis concreto aos habitantes da súa parroquia natal. Foi así como naceu en Bos Aires no ano 1913 a Sociedad Hijos de Lestrove, que, no mesmo ano da súa fundación, enviou fondos para que se puidese proseguir coa construción dunha praza pública no lugar de Lestrobe. A sociedade destacou tamén por apoiar a Federación Agraria del Distrito de Padrón en Bos Aires na súa loita contra o caciquismo e a prol do desenvolvemento agrario da comarca. O manuscrito coa lista de socios e socias que formaban parte da entidade na data do 19 de xuño de 1943, asinado polo seu secretario social, Ramón Mourelle, forma parte dos fondos que o AEG acaba de poñer na Rede.
Xunto con estes materiais, publícanse tamén algúns documentos pertencentes á entidade Unión Residentes de Dodro, que se creou tras a disolución en 1940 da Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro. Así, uns meses despois de que esta asociación cesase a súa actividade, a colectividade natural do concello de Dodro emigrada na capital da Arxentina decidiu reorganizarse para crear unha nova sociedade que se rexería por fins mutualistas e recreativos. Os libros de actas das reunións das xuntas directivas (1946-1952 e 1967-1989), o libro de rexistro dos membros da entidade (1940-1981), os informes de actividades presentados nas asembleas xerais de socios e socias dos anos 1941 e 1942 ou a correspondencia enviada e recibida constitúen os fondos documentais que o AEG divulga sobre esta asociación microterritorial, que aínda se mantén en funcionamento na actualidade.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega puxo en marcha en febreiro de 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, unha iniciativa para divulgar os fondos documentais que se custodian no AEG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. Cunha periodicidade mensual, póñense na Rede os documentos xerados por estas institucións (libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade etc.) co fin de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.



